Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 1 de febreiro de 2022 Páx. 6811

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de novo trámite de información pública do Plan parcial de ordenación do solo urbanizable non delimitado número 8 (SUND-8), no monte de Vidán.

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 20 de decembro de 2021, en cumprimento do exixido polos artigos 75.1.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e 186.1.c) do seu regulamento, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar provisionalmente o documento reformado do Plan parcial de ordenación do SUND-8 (monte de Vidán), presentado por Santiago Sur Galicia, S.L. o 13 de decembro de 2021, no cal se incorporan as seguintes modificacións sobre o que fora inicialmente aprobado o 21 de outubro de 2019:

1ª. Inclúese no catálogo do Plan parcial o antigo transformador modernista existente na confluencia das rúas de Vidán e Mestra Vitoria Míguez, co nivel de protección ambiental.

2ª. De conformidade co regulado no artigo 12.2 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, no plano de ordenación P ORD 08 figura delimitado o contorno de protección do elemento catalogado, cos efectos previstos no artigo 45 da mesma lei.

3ª. Defínese na normativa (7.4) o réxime urbanístico aplicable aos terreos excluídos da área de repartición (números 3 e 15 da rúa de Vidán), que quedan coa categorización de solo urbano consolidado e suxeitos á Ordenanza 5 do PXOM, coas limitacións derivadas da protección do ben catalogado.

4ª. A reserva obrigatoria de vivenda protexida, cunha superficie edificable de 938,32 m2c, emprázase na parcela R2.

5ª. Incorpóranse o estudo de sustentabilidade económica e a memoria de viabilidade.

6ª. Reflíctese na normativa (7.1) o deber dos propietarios de constituírse en entidade urbanística de conservación, durante o prazo de quince anos, contados desde a recepción completa da urbanización do polígono.

Segundo. Abrir un novo trámite de información pública sobre as modificacións propostas, durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Simultaneamente efectuarase a citación persoal a todos os propietarios dos terreos afectados que figuren no catastro e, de ser o caso, publicarase o edicto no Boletín Oficial del Estado.

Así mesmo, efectuarase notificación á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida á exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e na páxina web do concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Plan-parcial-do-SUND-8-Monte-Vidan/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, na epígrafe de Catálogo de trámites, a través do trámite de presentación de documentación e alegacións e da opción de achega libre. Deberá introducir o dato PLA/11/2017 no campo do código do expediente e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica