Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2021 Páx. 65773

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de decembro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Lousame.

O Concello de Lousame solicita a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal, en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Lousame conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 29 de decembro de 2004.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 9 de xaneiro de 2020, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 28 de febreiro de 2020, e resolveu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

4. O arquitecto técnico municipal emitiu informe o 15 de xullo de 2020 e a secretaria interventora municipal emitiu informe o 23 de xullo de 2020.

5. O Concello Pleno do 31 de xullo de 2020 aprobou inicialmente a modificación. Foi sometida a información pública durante dous meses (La Voz de Galicia do 8 de agosto de 2020 e Diario Oficial de Galicia do 13 de agosto de 2020), e presentáronse 58 alegacións.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

– Da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital), do 22 de setembro de 2020, de carácter favorable.

– Da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), do 24 de setembro de 2020.

– Do Ministerio de Defensa, do 12 de novembro de 2020, favorable.

– Do Informe da Deputación da Coruña en materia de estradas, do 4 de decembro de 2020, favorable.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 22 de setembro de 2020.

– De Augas de Galicia, do 16 de outubro de 2020.

– Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 20 de outubro de 2020, favorable condicionado.

– Da Axencia Galega de Infraestruturas, do 26 de outubro de 2020, favorable condicionado.

– Do Instituto de Estudos do Territorio, do 3 de decembro de 2020.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Boiro, Brión, Noia, Porto do Son, Rianxo e Rois, respondeu o Concello de Noia.

9. O arquitecto técnico municipal emitiu informe o 18 de marzo de 2021; e a secretaria interventora municipal emitiu informe o 18 de marzo de 2021.

10. O Pleno do Concello de Lousame aprobou provisionalmente a modificación o 26 de marzo de 2021.

11. Con data 21 de xuño de 2021, a Deputación Provincial da Coruña informou con desconformidade o documento de modificación aprobado provisionalmente.

12. O arquitecto técnico municipal emitiu informe o 6 de xullo de 2021; e a secretaria interventora municipal emitiu informe o 7 de xullo de 2021.

13. O Concello Pleno do 30 de xullo de 2021 aprobou provisionalmente de novo a modificación.

14. A solicitude de aprobación definitiva realizouse mediante oficio do 6 de abril de 2021. Após requirimentos de documentación do 7 de maio de 2021 e do 27 de setembro de 2021, foi recibida esta no dito rexistro o día 27 de agosto de 2021 e o día 18 de outubro de 2021.

15. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe o 10 de decembro de 2021, en relación coa adaptación do documento ás Directrices de paisaxe de Galicia, sen obxeccións.

II. Obxecto e descrición da modificación.

A modificación ten por obxecto aclarar certas cuestións concretamente:

– Revisión das ordenanzas xerais e modificación de aspectos na redacción de determinados artigos que inducen a certa confusión.

– Revisión das ordenanzas específicas, ZR-1, ZR-2. NRC e NRNC, coa finalidade de completar as súas determinacións.

– Adaptación do solo rústico e certos preceptos normativos á lexislación vixente.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación da satisfacción ás observacións efectuadas no informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 9 de xaneiro de 2020.

2. Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

a) Segue a manterse a referencia no artigo 3.4.1.3, punto 4º, á introdución do uso residencial no sistema xeral de equipamento, e non resulta posible dentro do uso dotacional de equipamento (punto 3 do anexo I do RLSG).

b) Nas ordenanzas de solo de núcleo rural segue a introducirse un tratamento das explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria e forestal existentes en 1 de xaneiro de 2003 consistente na reprodución substancial, sen citala, da disposición transitoria 11 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, hoxe derrogada. O réxime aplicable é o dado pola disposición transitoria 3ª do RLSG.

c) No artigo 3.3.1, punto 5º, introdúcese a posibilidade de implantar en planta de soto usos comerciais sen computar edificabilidade, o que non se corresponde co establecido no artigo 41.4.a), LSG e 64.5.a) do RLSG, que resultan, en todo caso, de aplicación.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Lousame, con suxeición ás observacións formuladas no punto III.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación punto definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda