Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2021 Páx. 60399

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 30 de novembro de 2021 pola que se clasifica de interese social a Fundación Social Vento Atlántico.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Social Vento Atlántico, con domicilio na Costa da Palloza, número 5, A Coruña.

Feitos:

1. O 8 de xullo de 2021 Emilio Mayo Moreno, presidente do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Social Vento Atlántico constituíuna Emilio José Mayo Sobrino mediante escritura pública outorgada o 25 de marzo de 2021 en Cambados (Pontevedra), ante a notaria María Elena Loira Pastoriza, co número de protocolo 350.

3. Tras requirimento deste rexistro do 8 de outubro de 2021, o 22 de outubro achegan unha nova escritura complementaria da anterior, outorgada na mesma localidade e ante a mesma notaria, co número 1.414 do seu protocolo.

4. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «o desenvolvemento de accións encamiñadas a potenciar a prevención, a defensa e o desenvolvemento dos dereitos das persoas que, sexa por razóns de idade, de enfermidade física ou psíquica, ou por calquera tipo de discapacidade, están necesitadas de especial protección, promovendo a súa integración social e laboral, mellora da súa calidade de vida, prestación de axuda e colaboración, tanto individual como colectivos, orientada polos principios de integración social, normalización e integración laboral».

5. O Padroado inicial da Fundación está formado por Emilio Mayo Moreno, como presidente; Emilio José Mayo Sobrino, como secretario; e Sofía García-Ramos Fojón e María Luísa Sobrino Montero, como vogais.

6. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese social da Fundación Social Vento Atlántico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

7. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

8. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de novembro de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Social Vento Atlántico, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo