Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2021 Páx. 60402

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2021,
do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 3, 5, 44, 55 a 60 e 61 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, adoptou o seguinte acordo:

I. En relación co artigo 3.1.c) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, que:

A Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa para substituír o inciso «residuos domésticos» por «residuos municipais», de forma que quede co seguinte teor literal:

«c) A eliminación en vertedoiro no ano 2035 dun máximo do 10 % en peso dos residuos municipais xerados, tal como establece a Directiva (UE) 2018/850 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018».

II. En relación co artigo 3.2.f), a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa de tal maneira que o artigo 3.2. f) quede co seguinte teor literal:

«f) Para os biorresiduos, os concellos deberán instaurar, antes do 31 de decembro de 2023, ben a separación e reciclaxe en orixe, ben a recollida de forma separada sen mesturalos con outros tipos de residuos».

Así mesmo, en relación con este precepto, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a levar a cabo a modificación normativa da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, unha vez que se aprobe e se publique a futura Lei estatal de residuos e solos contaminados, actualmente en tramitación parlamentaria, para adaptar o número 3.2.f) ao calendario de recollida separada que se prevexa na citada lei.

III. Respecto ao artigo 5.1.f), a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa de tal maneira que se suprima nel o seguinte inciso final:

«Inclúese nesta excepción o material fecal hixienizado resultado de procesos de dixestión anaerobia».

IV. Por último, en relación cos artigos 55 a 60, ambas as partes entenden que a referencia de augas continentais subterráneas que se utiliza nestes preceptos debe entenderse sen prexuízo da vixencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia da definición de augas continentais recollida no texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, que se atopa en consecuencia plenamente vixente no ámbito de aplicación da dita normativa.

Ambas as partes manifestan a súa vontade de que, no caso de contaminación de augas subterráneas ou de apareceren indicios de solos contaminados, manterían o máis axiña posible as oportunas relacións de colaboración co fin de compartir información e recursos dispoñibles no ámbito das súas respectivas competencias, nos termos previstos nos artigos 140 e 141 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Neste sentido, a dita colaboración concretarase especialmente mediante a solicitude de informe á Administración lidráulica para que estableza as medidas da súa competencia, no marco do artigo 25 do texto refundido da Lei de augas.

V. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa devandita lei e concluída a controversia suscitada en relación cos preceptos obxecto do presente acordo.

VI. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García
Ministra de Política Territorial

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo