Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 3 de decembro de 2021 Páx. 59105

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, pola que se ordena a publicación da Resolución do 26 de novembro de 2021 pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos (código de procedemento FA500A).

No Diario Oficial de Galicia número 117, do 22 de xuño de 2021, publícase a Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocan para as anualidades 2021 a 2025.

A orde recolle que a subvención destinarase á consecución das seguintes finalidades:

– Instalación de caixeiros automáticos nos locais que os concellos interesados determinen, sempre que estes locais poidan cumprir os requisitos técnicos exixidos pola normativa vixente.

– Mantemento do caixeiro nas condicións que aseguren o seu normal funcionamento.

– Servizo mínimo de asistencia e formación financeira personalizado.

O financiamento establecido nesta convocatoria na aplicación 23.03.712A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma destina un crédito de 2.883.600 € coa seguinte distribución plurianual:

Aplicación

orzamentaria

Código de proxecto

2021

2022

2023

2024

2025

Total

23.03.712A.470.0

202100092-Universalización Financeira

180.225

720.900

720.900

720.900

540.675

2.883.600

O prazo e a forma de presentación de solicitudes regúlase no artigo 13 da Orde do 18 de xuño de 2021, e no artigo 14 determínase a documentación que se deberá xuntar coa solicitude.

Unha vez revisadas as solicitudes presentadas ao abeiro da dictada orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución do procedemento, as solicitudes admitidas a este procedemento foron remitidas á Comisión de Valoración, órgano creado no artigo 16 da citada orde.

O órgano instrutor, á vista do informe realizado pola Comisión de Valoración, formulou as propostas de resolución establecidas no artigo 19, para realizar a correspondente resolución definitiva que está establecida no artigo 20 da orde.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como sinala o artigo 20 da dita Orde do 18 de xuño de 2021, publicarase no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 26 de novembro de 2021, ditada no procedemento FA500A de subvencións, pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, e que se xunta á presente resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

David Cabañó Fernández
Director xeral de Política Financeira,
Tesouro e Fondos Europeos

ANEXO

Resolución do 26 de novembro de 2021 pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos

Convocatoria: Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocan para as anualidades 2021 a 2025.

Antecedentes:

1. A Orde do 18 de xuño de 2021 que regula a convocatoria foi publicada no DOG núm. 117, do 22 de xuño de 2021. No seu artigo 13 establece a presentación de solicitudes por medios electrónicos no prazo dun mes (ata o 22 de xullo de 2021).

2. Con data do 18 de xuño de 2021 foi aprobada a autorización do gasto por un importe de dous millóns oitocentos oitenta e tres mil seiscentos euros (2.883.600 €) que corresponde a esta subvención destinada a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos no período 2021-2025, con cargo á aplicación orzamentaria 23.03.721A.470.0 (código de proxecto 202100092-Universalización Financeira) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. O órgano instrutor con data do 23 de xullo de 2021 informa que solicitaron a subvención 3 entidades. Foi inadmitida a solicitude presentada polo Concello do Vicedo por non cumprir os requisitos para ser entidade beneficiaria segundo o establecido no artigo 7 da orde da convocatoria. O resto dos solicitantes, Abanca Corporación Bancaria, S.A. e Caja Rural, cumpren os requisitos previos establecidos nos artigos 14 e 15 da orde da convocatoria.

4. A Comisión de Valoración encargada do estudo das solicitudes para o outorgamento da referida subvención, realizou a valoración das solicitudes admitidas por cumprir os requisitos previos exixidos e emitiu o seu informe consonte cos criterios de valoración e ponderación establecidos no artigo 18 da orde.

5. O órgano instrutor, á vista do informe realizado pola Comisión de Valoración e de acordo coa documentación que consta no seu poder, formulou proposta de resolución provisional con data do 28 de xullo de 2021 a favor da entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A. Resulta acreditado que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa da Facenda da Xunta de Galicia e que, así mesmo, se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

6. Esta resolución provisional foi notificada aos solicitantes o 29 de xullo de 2021 en aplicación do establecido no artigo 19 da orde de convocatoria, dándoselle un prazo de 10 días hábiles para formular as alegacións que consideraran pertinentes.

7. Os solicitantes non achegaron alegacións á proposta de resolución provisional.

8. A proposta de resolución definitiva xunto co documento de aceptación foi notificado ao interesado proposto como entidade beneficiaria, Abanca Corporación Bancaria, S.A. con data do 10 de setembro de 2021.

9. Abanca Corporación Bancaria, S.A. asinou e enviou documento de aceptación con data do 13 de setembro de 2021.

En consecuencia, segundo o reflectido no artigo 20 da orde reguladora, en virtude da competencia delegada no artigo 3 para resolver o procedemento de concesión,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder con cargo á aplicación orzamentaria 23.03.712A.470.0 (código de proxecto 2021-00092) unha subvención a Abanca Corporación Bancaria, S.A. destinada a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, para as anualidades 2021 a 2025, segundo a tipoloxía do convenio asinado e en vigor entre a entidade local e a Xunta de Galicia para a prestación de servizos bancarios básicos.

Segundo. O importe máximo da subvención é de 1.217.520 €, nos termos e condicións contemplados na Orde do 18 de xuño de 2021 e na solicitude do interesado, que contempla un grao de cofinanciamento do 50 %, de tal forma que o módulo para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos terá unha asignación máxima de 7.100 € anuais por caixeiro.

Terceiro. O beneficiario asume os compromisos establecidos na Orde do 18 de xuño de 2021 e na súa solicitude con relación ao obxecto desta subvención.

Cuarto. Tal e como recolle o artigo 12 da Orde do 18 de xuño de 2021, a obtención da subvención é incompatible con calquera outra axuda pública ou incentivo público á contratación para a mesma actuación ou actividade.

Quinto. Consonte co establecido no artigo 4 da orde reguladora da subvención o método de xustificación empregado será a través de módulos segundo o procedemento establecido no artigo 21 da dita orde. O prazo de presentación da documentación xustificativa concluirá o primeiro día hábil da segunda quincena do mes de novembro de cada ano.

Sexto. O pagamento realizarase segundo o establecido no artigo 21 da orde mediante a presentación do seu anexo III, logo da presentación da documentación xustificativa.

Sétimo. No anexo desta resolución se enumeran os concellos que, con carácter previo, teñen asinado con esta Administración autonómica o correspondente convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros.

Oitavo. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano xurisdicional competente.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021. O conselleiro de Facenda e Administración Pública. P.D. (Artigo 3 da Orde do 18.6.2021), David Cabañó Fernández, director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos

ANEXO

Relación de concellos que teñen asinado convenio de colaboración para a universalización de servizos financeiros:

A Coruña:

1. Aranga.

2. Cabanas.

3. Coirós.

4. Dodro.

5. Lousame.

6. Paderne.

7. Santiso.

8. Toques.

9. Vilasantar.

10. Vilarmaior.

11. Dumbría.

12. Monfero.

Lugo:

1. O Páramo.

2. Ribeira de Piquín.

3. Samos.

4. O Vicedo.

Ourense:

1. A Arnoia.

2. Baltar.

3. Os Blancos.

4. Carballeda de Avia.

5. Cenlle.

6. Chandrexa de Queixa.

7. Xunqueira de Ambía.

8. Xunqueira de Espadanedo.

9. Larouco.

10. Lobeira.

11. Melón.

12. Oímbra.

13. Petín.

14. Piñor.

15. Pontedeva.

16. Porqueira.

17. Rairiz de Veiga.

18. Taboadela.

19. A Teixeira.

20. A Peroxa.

21. Vilar de Santos.

22. San Xoán de Río.