Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 24 de novembro de 2021 Páx. 57415

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 24 de novembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador.

O Regulamento vixente da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador aprobouse mediante a Orde do 24 de novembro de 2009, da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 234, do 30 de novembro), e modificouse posteriormente mediante a Orde do 1 de febreiro de 2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

O Consello Regulador, en sesión plenaria celebrada o pasado día 2 de xullo, aprobou unha serie de modificacións puntuais deste regulamento.

En concreto, estas modificacións afectan os seguintes aspectos relacionados co funcionamento do Consello Regulador:

– A regulación de situacións que poden dar lugar á baixa das adegas do rexistro correspondente (artigo 28).

– As indicacións que se deben incluír na etiquetaxe dos viños acollidos á denominación de orixe (artigo 33).

– A composición do pleno do Consello Regulador (artigo 37).

– Os recursos económicos con que conta o Consello Regulador e, en particular, as cotas que deben pagar os inscritos (artigo 42).

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 24 de novembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador

Un. No artigo 28 engádense dous novos puntos, o 4 e o 5, co seguinte teor:

«4. No caso de inactividade das adegas inscritas nos diferentes rexistros (de elaboración, de almacenamento e/ou envellecemento, embotelladoras e de colleiteiro) estas poderán ser dadas de baixa logo da instrución do correspondente expediente. Para estes efectos, enténdese que está inactiva aquela adega que nun período de dous anos non recibiu uva da denominación de orixe nin verificou viño nin retirou precintas.

5. Aquelas adegas inscritas que non acaden a certificación que as faculta para comercializar produto acollido á denominación de orixe ou esta lles fose retirada de maneira permanente, poderán ser dadas de baixa no rexistro correspondente logo da tramitación do correspondente expediente».

Dous. No artigo 33, modifícase a redacción do punto 2 e suprímese o punto 4, e o dito artigo queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 33. Etiquetaxe

1. As etiquetas dos viños amparados pola denominación de orixe Valdeorras axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2 Nas etiquetas dos viños embotellados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención «Valdeorras Denominación de Orixe» en galego ou en castelán e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente. A mención «denominación de orixe» e o nome da denominación deberán indicarse dalgunha das seguintes maneiras: «Valdeorras Denominación de Orixe», «Valdeorras Denominación de Origen», «Denominación de Orixe Valdeorras», «Denominación de Origen Valdeorras» ou «D.O. Valdeorras». Aparecerá sempre no mesmo campo visual que as restantes mencións obrigatorias e da forma que se indique no Manual de calidade.

3. Ademais, as mencións relativas a variedades de vide, ano de colleita e demais mencións facultativas axustaranse ao disposto neste regulamento e na lexislación vixente que as afecte».

Tres. Dáse unha nova redacción ao número 1 do artigo 37, que queda coa seguinte redacción:

«1. O Pleno está constituído por vogais repartidos do seguinte xeito:

a) Tres vogais en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador. Deste censo excluiranse –se se dan as circunstancias para que o sector cooperativo teña unha representación específica– aquelas persoas viticultoras que sexan socias de cooperativas que sexan titulares, directa ou indirectamente, de adegas da denominación, a través das cales transformen a uva e comercialicen o viño.

As persoas electoras deste sector conforman o censo A, que se subdivide en dous subcensos, de acordo co seguinte:

– Censo A1: este censo elixe dous vogais. Pertencen a el as persoas viticultoras do censo A que achegaron ao Consello Regulador un maior volume económico en concepto de cotas por actividade nos últimos tres anos naturais, ata acumular 2/3 partes do total das cotas ingresadas polo Consello Regulador. En todo caso, este censo non será inferior en número ao 25 % do total de viticultores do censo A.

– Censo A2: este censo elixe un vogal. Formarán este censo o resto de produtores do censo A.

b) Tres vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, con exclusión –se se dan as circunstancias para que o sector cooperativo teña unha representación específica– daquelas cuxa titular sexa, directa ou indirectamente, unha sociedade cooperativa.

As persoas electoras deste sector conforman o censo B, que se subdivide en dous subcensos, de acordo co seguinte:

– Censo B1: este censo elixe dous vogais. Pertencen a el as adegas do censo B que achegaron ao Consello Regulador un maior volume económico en concepto de cotas polos diferentes servizos (control en vendima, verificación e expedición de contraetiquetas) nos últimos tres anos naturais, ata acumular 2/3 partes do total das cotas ingresadas polas adegas do censo B ao Consello Regulador nestes conceptos. Este censo non será inferior ao 25 % do total dos inscritos nel.

– Censo B2: este censo elixe un vogal e forman parte del o resto de adegas do censo B.

c) Ata tres vogais, de acordo co que se indica máis adiante, en representación do sector cooperativo, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador que sexan socias dalgunha cooperativa que sexa, pola súa parte, titular directa ou indirectamente dalgunha adega inscrita na denominación de orixe, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño, así como polos titulares das ditas adegas de base cooperativa.

Este sector terá unha representación específica se, de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, representa máis do 10 % do volume da produción comercializada baixo o amparo da denominación. En caso contrario, as persoas viticultoras cooperativistas integraranse no censo A e as adegas de base cooperativa no censo B.

De ter representación este sector, o número de vogalías que se lle asignan determinarase en función das cotas pagadas ao Consello Regulador polas persoas viticultoras cooperativistas en función da súa actividade (cota por superficie e cota por produción) e polas adegas de base cooperativa (cotas polos servizos de control en vendima, de verificación e de expedición de contraetiquetas) de acordo co seguinte:

– Tres vogais, se as cotas ingresadas supuxesen máis do 29,16 % do total das cotas ingresadas neses conceptos polo Consello Regulador nos tres últimos anos.

– Dous vogais, se as ditas cotas estivesen entre o 29,16 % e o 19,64 % do total das cotas ingresadas neses conceptos polo Consello Regulador nos tres últimos anos.

– Un vogal, se as ditas cotas supuxesen un valor inferior ao 19,64 % das cotas ingresadas neses conceptos polo Consello Regulador nos tres últimos anos».

Catro. No artigo 42, dáse unha nova redacción aos números 1 e 3 e inclúese un novo número 2, que quedan redactados do seguinte xeito:

«1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. De acordo co indicado no número 1 anterior, establécense as cotas que deberán pagar os inscritos:

a) Os titulares de viñedos:

– Cota de inscrición: satisfarase por unha vez, no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación rexistral: satisfarase con periodicidade quinquenal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita da inspección.

– Cota pola actividade na denominación: satisfarase anualmente o equivalente ao 1 % do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie inscrita, o rendemento medio por unidade de superficie e o prezo medio de uva. Esta cota divídese en dúas partes, de acordo co seguinte:

No mes de xullo, emitirase unha primeira, por superficie inscrita, que debe estar pagada antes do inicio de vendima. De non ser así, a partir do 30 de setembro aplicaráselle un 20 % de recarga.

Rematada a vendima, emitirase unha segunda parte, por produción, que terá que ser pagada antes do 30 de novembro. De non ser así, a partir desta data aplicaráselle un 20 % de recarga.

b) Os titulares de adegas:

– Cota de inscrición: satisfarase por unha vez, cando de dean de alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación rexistral: pagarase con periodicidade quinquenal, coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

– Cota polo servizo de control en vendima: aboarana nun único pagamento anual as adegas que reciban uva para a súa vinificación e equivalerá ao 0,1 % do valor medio estimando das ditas uvas.

– Cota polo servizo de verificación: aboarana as adegas ás cales o Consello Regulador verifique a cualificación do viño para a súa comercialización como viño da D.O. Valdeorras, e equivalerá ao 0,1 % do seu valor medio, calculado en función do volume de cada partida e do seu prezo medio unitario estimado.

– Cota polo servizo de expedición de contraetiquetas: satisfarano as adegas que soliciten contraetiquetas para o seu emprego nos viños da denominación de orixe, e o seu importe será o dobre do valor material de produción e distribución das contraetiquetas.

Os cargos por estes diferentes servizos, de seren devoltos pola entidade bancaria, pasaranse a cobramento de novo logo de dez días cunha recarga do 20 % e sempre cun valor mínimo de 100 euros.

3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada ano os rendementos por hectárea e os prezos unitarios das uvas, do viño e das contraetiquetas e as porcentaxes que se aplicarán, para os efectos do cálculo das cotas correspondentes. Respectarase, en todo o caso, o límite máximo do 2 %, establecido no artigo 29.2 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, en relación coa porcentaxe que se aplique no caso das cotas pola actividade na denominación. Tamén fixará as cotas que se aplicarán polos servizos prestados. Cando non se fixen novos valores, enténdense vixentes os do ano anterior».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural