Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 4 de novembro de 2021 Páx. 53995

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de Tesouraría do Concello de Camariñas como posto reservado a funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Camariñas, relativa á clasificación do posto de traballo reservado de Tesouraría, creado mediante a modificación do vixente anexo e cadro de persoal –contido no orzamento do ano 2019, prorrogado para ano 2021–, emítese resolución con base no seguinte.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 7 de maio de 2021 ten entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local a solicitude formulada polo Concello de Camariñas, relativa á creación e clasificación do posto de traballo de Tesouraría, á cal xunta a seguinte documentación:

– Providencia da Alcaldía sobre o inicio do expediente de creación do posto de traballo reservado de Tesouraría.

– Memoria da Alcaldía de valoración e funcións do posto.

– Acta da Mesa Xeral de Negociación.

– Informe da Secretaría sobre a modificación do anexo e cadro de persoal para a creación do posto de traballo reservado de Tesouraría.

– Informe da Intervención sobre a modificación puntual do anexo e cadro de persoal para a creación do posto de traballo reservado de Tesouraría.

– Certificado da secretaria municipal, relativo ao Acordo plenario ordinario do 26 de marzo de 2021 sobre a aprobación inicial da modificación do anexo e cadro de persoal do orzamento vixente para a creación do posto de traballo de Tesouraría reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

– Anuncio da publicación do acordo de aprobación inicial, citado no parágrafo anterior, no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 61, do 5 de abril de 2021.

– Anuncio da publicación definitiva da modificación do anexo e cadro de persoal do orzamento vixente para a creación do posto de traballo de Tesouraría reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 82, do 4 de maio de 2021.

Segundo. O 31 de agosto de 2021 ten entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local escrito do Concello de Camariñas con que achega a seguinte documentación complementaria á inicialmente presentada polo citado ente local e enumerada no ordinal anterior, e coa súa presentación considérase completado o expediente para os efectos de poder continuar coa súa tramitación:

– Memoria xurídica e económica xustificativa da creación do posto de traballo reservado.

– Certificación da secretaria municipal, relativa á non presentación de alegacións no período de información pública a que se someteu o Acordo plenario ordinario do 26 de marzo de 2021 sobre a aprobación inicial da modificación do anexo e cadro de persoal do orzamento vixente para a creación do posto de traballo de Tesouraría reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

– Certificación da interventora municipal, acreditativa dos recursos de que dispón o Concello de Camariñas segundo o último orzamento aprobado.

– Certificación da secretaria municipal do número de habitantes o 1 de xaneiro de 2020.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación do posto de Tesouraría no Concello de Camariñas como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional vén imposta polo disposto no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, RD 128/2018), ao preceptuar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional da subescala de Intervención-Tesouraría. A Secretaría do Concello de Camariñas está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativo a creación do dito posto.

Ao posto de traballo de Tesouraría corresponderalle a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación numeradas no artigo 5 do RD 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O RD 128/2018 atribúelles ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificaren os postos reservados aos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O artigo 22.3.g) do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido polo subdirector xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Camariñas, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Camariñas.

Posto: Tesouraría.

Subescala: Intervención-Tesouraría.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 28.

Complemento específico: 15.400 € (14 pagas de 1.100 €).

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local