Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 4 de novembro de 2021 Páx. 53992

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 26 de outubro de 2021 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).

BDNS (Identif.): 592363.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda existentes.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).

A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 20.2 do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas no Real decreto 691/2021, do 3 de agosto, polo que se regulan as subvencións que se outorgarán a actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, en execución do Programa de rehabilitación enerxética para edificios existentes en municipios de reto demográfico (programa PREE 5000), incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa concesión directa ás comunidades autónomas, publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 185, do 4 de agosto, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo.

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08. 81. 451A. 780.8 e 08. 81. 451A. 770.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 1.649.098 euros e 180.000 euros para a anualidade 2022, e 1.649.098 euros e 180.000 euros para a anualidade 2023, respectivamente.

O programa PREE 5000 é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

De conformidade co establecido no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e producirán efectos despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida nos anexos I e IV do Real decreto 691/2021, do 3 de agosto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2022, salvo que con anterioridade se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo