Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52709

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2021, conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, regulada polo artigo 9 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), e os artigos 12 a 16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 213, do 9 de novembro), é o órgano superior, de carácter consultivo, en materia de urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, á Comisión Superior de Urbanismo correspóndelle a emisión dos informes e ditames que, con carácter preceptivo, veñan exixidos por calquera disposición legal ou regulamentaria, así como sobre cantos asuntos sexan sometidos a consulta pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interveña de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se for o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia:

a) Sinatura dos documentos con informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na tramitación de expedientes urbanísticos.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas, así como para os efectos de impugnación.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «COMISIÓN SUPERIOR DE URBANISMO» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «COMISIÓN SUPERIOR DE URBANISMO» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2021

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación
do Territorio e Urbanismo

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia