Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52712

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2021, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Rexistro de Asociacións.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, levou a cabo unha ampliación de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia entre as que se inclúen as relativas ás materias de asociacións e espectáculos públicos. Como consecuencia disto, mediante o Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, foron traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos que, dentro do seu territorio, viña desempeñando a Administración do Estado nas referidas materias, que foron asumidos polo Decreto 336/1996, do 13 de setembro.

Así mesmo, o Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regulan a organización e o funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, determina a existencia dun Rexistro Central e de rexistros provinciais en cada unha das provincias da comunidade autónoma, e a súa xestión corresponde á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo ao abeiro do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Os rexistros electrónicos de todas e cada unha das administracións deben ser plenamente interoperables, de modo que se garanta a súa compatibilidade informática e interconexión, así como a transmisión telemática dos asentos rexistrais e dos documentos que se presenten en calquera dos rexistros.

Neste senso, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asinaron, o 27 de novembro de 2020, un acordo de colaboración para o inicio de prestación do servizo de intercambio de datos do Rexistro de Asociacións, a través da plataforma de intermediación PasaXe!.

Por outra banda, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Neste senso, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asinaron, o 11 de febreiro de 2021, unha resolución conxunta pola que se declaraban actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Asociacións, regulado polo Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regulan a organización e o funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Asociacións, regulado polo Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regulan a organización e o funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Emisión de visados da acta fundacional e dos estatutos daquelas asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións.

b) Emisión de visados da acta fundacional e dos estatutos daquelas asociacións inscritas nos rexistros provinciais de asociacións.

c) Emisión das dilixencias de inscrición daquelas asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións.

d) Emisión das dilixencias de inscrición daquelas asociacións inscritas nos rexistros provinciais de asociacións.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes ás alíneas a) e c) do punto primeiro.

d) A Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da provincia correspondente ao rexistro provincial, como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes ás alíneas b) e d) do punto primeiro.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e procedemento mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaría xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia