Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 26 de outubro de 2021 Páx. 52453

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de outubro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do Monte Veciñal en Man Común Boitirado, no concello de Riotorto (expediente 7/2019).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 13.9.2021, figura o seguinte acordo:

Monte Boitirado (expediente 7/2019), pertencente aos veciños de Augasoxa, na parroquia de Muxueira, concello de Riotorto.

O 6.7.2021 tivo entrada un recurso de reposición, asinado por Antonio Rodríguez Ramallal e tres persoas máis, contra o Acordo do Xurado do 2 de xuño de 2021 polo que se clasifica o MVMC Boitirado. Reiteran as alegacións presentadas o 31.3.2021, durante a tramitación do expediente, e, en síntese, manifestan o seguinte:

– Que as parcelas clasificadas son de propiedade privada e así xa figuraban no Catastro de rústica do anos 50.

– Que os títulos de propiedade achegados coas alegacións de marzo deben ser tidos en conta como acreditación da propiedade.

– Que se opoñen á clasificación dos terreos como monte veciñal en man común.

Examinado o recurso e as argumentacións expostas, xunto coa documentación que figura incorporada na tramitación do expediente de clasificación, conclúese:

– As parcelas sobre as que se solicitou a clasificación estaban identificadas no Catastro inmobiliario como monte veciñal de Augaxosa.

– Que esta natureza enténdese respalda por:

• A constancia no Catastro do Marqués de La Ensenada do monte común aberto de Boitiral, descrito como Emolumentos del Común.

• Nos planos das bases do 23.1.1984, do procedemento de concentración parcelaria da Muxueira, consta a consideración destes terreos, integrados no polígono 1 dos ditos planos, como monte veciñal en man común de Augaxosa, e que foron excluídos do perímetro a concentrar. Do mesmo xeito quedou constancia da dita natureza dos terreos nos planos correspondentes ao acordo ditado no procedemento concentrador, así como nos que quedaron unidos aos títulos entregados o 1.1.1999.

• A sucesión histórica de ortofotos aéreas desde o ano 1956 revela que os terreos clasificados non foron obxecto de aproveitamentos individualizados, pois non se observan divisións físicas neles.

– A ortofoto que acompaña as certificacións da propiedade do Catastro histórico achegadas polos recorrentes non diferencia os predios concretos sobre os que se pretende xustificar a propiedade, o que reforza que non houbo partición real no terreo.

– Os predios aos que fan referencia os documentos achegados refírense a terreos de pouca superficie, que non se identifican en plano nin se concreta a súa situación dentro das parcelas clasificadas.

– A documentación achegada non xustifica a propiedade dos transmitentes da propiedade, polo que non queda acreditado o tracto sucesivo ou o dereito do que poida traer causa a propiedade.

En conclusión, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimar o recurso, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 6 de outubro de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo