Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2021 Páx. 51426

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2021 pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do edificio sito na rúa de Redondo, número 52, no termo municipal de Pontecesures (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural, e aprobou no seu exercicio a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

O 30 de outubro de 2013 os propietarios do inmoble situado no lugar de Redondo da parroquia de San Xulián no concello de Pontecesures, solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

O 18 de febreiro de 2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolve incoar o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da casa sita na rúa Redondo, número 52, en Pontecesures (Pontevedra). (DOG núm. 48, do 11 de marzo).

Nesta disposición establecíase un período de información pública dun mes, para que calquera persoa física ou xurídica puidese achegar as alegacións e informacións que considerase oportunas. Este período, e o establecido no artigo 28.2 para resolver o expediente, foi afectado pola disposición adicional terceira da Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, estableceu a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Esta suspensión prorrogouse sucesivamente ata a derrogación desa disposición, con efectos do 1.6.2020 (disposición derrogatoria única.2 do Real decreto 537/2020, do 22 de maio).

Foron presentadas 11 alegacións contra a inclusión da casa no Catálogo do patrimonio cultural, que foron desestimadas ao non considerar xustificadas as solicitudes.

Á vista dos documentos que forman parte do expediente en que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor histórico e arquitectónico, é polo que no exercicio da competencia para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a delegación destes asuntos na Secretaría Xeral Técnica desta consellería pola Orde do 9 de febreiro de 2021,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do edificio sito na rúa Redondo núm. 52 do termo municipal de Pontecesures (Pontevedra), consonte a descrición que figura no anexo I.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Pontecesures.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021; DOG número 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición e delimitación do inmoble

1. Denominación: casa sita na rúa Redondo número 52.

2. Localización:

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Pontecesures.

• Parroquia: San Xulián.

• Lugar: Redondo.

• Enderezo postal: rúa Redondo número 52, 36649 Pontecesures.

• Coordenadas: UTM ETRS89 fuso 29: X: 528.554 Y: 4.728.990.

3. Descrición:

Inmoble principal: edificación estremeira e aliñada coa N-550, antigo Camiño Real da Coruña a Tui. Construída con fábrica de cachotaría de grandes bloques de pedra cortados, revestida parcialmente, que desenvolve planta rectangular distribuída en baixo e un andar con cuberta de tellado a dúas augas, coas seguintes características formais:

• Fachada principal cara á estrada caleada, con idéntica distribución de ocos nos dous andares: tres aliñacións de ocos enmarcados de pedra coa liña central ocupada pola porta de entrada no baixo e un balcón voado con varanda de fundición no primeiro andar. No baixo todos os ocos están rematados con arcos rebaixados e consérvanse tres argolas de fundición das catro que debía haber orixinalmente, unha no marco esquerdo da entrada principal e dúas nos esquinais. O lintel da porta de entrada ten inscrito «Nº 1/1877». A fachada remátase cunha sinxela cornixa de remate realizada en pedra.

• Fachada traseira cara ao oeste: no corpo superior ten unha balconada apoiada en ménsulas de pedra, que percorre a fachada completa e conserva una sinxela varanda de ferro. No baixo ten dúas portas.

• Fachada norte: o lenzo do muro só presenta dous ocos, un pequeno oco no faiado e outro descentrado no andar. Debaixo deste oco sobresae un cano de desaugamento feito dunha soa peza de pedra, probablemente procedente do vertedoiro interior. Destaca en altura unha grande cheminea rectangular feita de ladrillo na parte traseira da casa.

• Fachada sur de muro de pedra recebada, cun único oco pequeno rectangular centrado no andar superior.

Construción auxiliar: paralela á estrada e recuada da aliñación da casa principal existe unha edificación anexa cun pequeno forno de pedra no interior cunha lousa de pedra ao seu carón. Aínda que descoñecemos o uso para o que foi concibida esta construción, parece que foi cortello nalgún momento. Actualmente presenta mal estado de conservación, non conserva a cuberta e no muro leste a cachotería substituíuse por ladrillo. No muro norte conserva un corpo voado a modo de pendello de estrutura de madeira, que apoia en piares de pedra e cuberto por tella do país.

Outros elementos na parcela: xunto a construción auxiliar consérvase un pozo artesán de auga rematado con catro bloques de pedra rectangulares e ao seu pé unha pía grande labrada en pedra dunha soa peza.

4. Valoración cultural:

A documentación que consta no expediente é completa e suficiente para acreditar un notable valor cultural coincidente coa expansión dos núcleos urbanos cara ás estradas principais, onde ao seu carón se instalan vivendas rurais unifamiliares coa súa correspondente edificación auxiliar na traseira da parcela e co baixo xeralmente destinado a uso comercial ou hostaleiro.

Nas súas condicións actuais conserva elementos estruturais e formais suficientes para acreditar a súa integridade con respecto ao modelo orixinal, e dadas as súas características construtivas, tamén existen elementos de xuízo para asegurar a súa autenticidade no referido á adscrición cultural e tipolóxica do inmoble, sendo escasos os exemplos que se conservan con estas condicións.

A súa construción pode acreditarse construída desde finais do século XIX pola expansión do núcleo de poboación cara ao sur ao carón da estrada N-550, presentan una tipoloxía común de volume de base rectangular de dúas alturas, baixo e andar e tellados a dúas augas; nas súas fachadas principais, que dan á estrada, sempre hai 3 aliñacións de ocos, sendo o máis común que na liña central se localicen a porta de entrada e un balcón. A edificación do número 52 da rúa Redondo mantén o modelo e invariantes formais e estruturais deste tipo arquitectónico.

5. Natureza e categoría: ben inmoble. Patrimonio Arquitectónico. Nivel estrutural.

6. Réxime de protección específico: para todas as edificacións a estrutura de muros de cachotaría; a posición e dimensión de ocos; os elementos ornamentais de fachada: liñas de imposta, cercos e cornixas. Incluídas a inscrición no lintel da porta principal; os elementos de ferraxaría, en especial, as argolas e varandas e balconeiras; o remate de cheminea; o forno da edificación auxiliar e o pozo (agás a tapa). Mantearase a estrutura vertical da cuberta lateral da edificación auxiliar.

Manterase o volume das edificacións, agás pequenos axustes nas dimensións da cuberta para a súa reconstrución e, en caso necesario, os acondicionamentos de carácter térmico produciranse por medio de trasdosados interiores, co obxecto de recuperar os acabados orixinais das fachadas.

As actuacións autorizables serán as de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación, así como as de reestruturación no caso das placas e estrutura de cuberta, que poderán ser substituídas por elementos análogos ou coherentes cos orixinais e permitan un semellante funcionamento estrutural.

Non se consideran viables as ampliacións en planta nin altura das edificacións existentes, ben que si se estima factible a recuperación dos volumes orixinais e pequenos axustes en altura relativos aos procesos de reestruturación.

7. Delimitación e contorna de protección:

O ben está composto dos tres compoñentes descritos, en concreto, a edificación principal, a construción auxiliar e o pozo localizados na parcela.

No referido á contorna de protección que se propón, dada a actual transformación e evolución do ambiente máis próximo, no cal existen instalacións de carácter terciario e comercial e outras de residencia plurifamiliar de recente construción xa consolidadas, proponse a delimitación dunha contorna de protección do inmoble limitado exclusivamente á parcela identificada coa referencia catastral 8691405NH2289S0001QS.

missing image file