Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2021 Páx. 51423

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 4 de outubro de 2021 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa (Pontevedra).

O Concello de Vilaboa remite documentación do Plan xeral de ordenación municipal coa fin de cumprimentar o disposto na Orde de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 25.2.2019.

Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Pleno do Concello en sesión do 27.11.2020 aprobou nova documentación do Plan xeral de ordenación municipal coa fin de emendar deficiencias sinaladas na Orde de aprobación definitiva parcial do 25.2.2019.

A nova documentación consiste en:

– Tomo III «Normativa urbanística», datado en outubro de 2020.

– Tomo IX «Informe de contestación á Orde da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de data 25 de febreiro de 2019, de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilaboa», datado en outubro de 2020.

II. Análise e consideracións.

1. O tomo IX incorpora un informe de Augas de Galicia do 20.5.2020, segundo o cal os únicos núcleos rurais do concello que non contan con aproveitamentos inscritos no Libro de Rexistro de Augas de Galicia son os de Casfalcón (Santo André de Figueirido), Sobreira (Santo Adrán de Cobres) e Novás (San Martiño de Vilanova). O devandito informe establece que, en relación coas novas demandas de recursos hídricos, nestes núcleos deberá recollerse na normativa do PXOM que para o outorgamento de novas licenzas os proxectos de construción deberán incluír a resolución da concesión respectiva ou o uso privativo por disposición legal, asegurando así a dispoñibilidade xurídica de auga previamente á concesión de licenza de obras. O informe afirma, ademais, que nos novos desenvolvementos non se xustifica a existencia de aproveitamentos inscritos no Libro de Rexistro de Augas que cubran a demanda indicada na documentación achegada.

2. No tomo III modifícase o número 7.2.1 da normativa do PXOM engadindo un punto 4 co obxecto de dar cumprimento á condición establecida no citado informe de Augas de Galicia do 20.5.2020.

3. En consecuencia, no novo documento están corrixidas as deficiencias sinaladas no punto II.1 da Orde de aprobación definitiva parcial referidas aos núcleos rurais de Casfalcón (Santo André de Figueirido), Sobreira (Santo Adrán de Cobres), Sabaxáns e Saxosa (Santa Comba de Bértoa) e A Graña e Novás (San Martiño de Vilaboa).

4. Porén, mantéñense as deficiencias referidas aos ámbitos de solo urbano non consolidado APR-A1 e APR-A2, solo urbanizable residencial UDR-1 e UDR-5 e solo urbanizable industrial UDI-3, para os que non se xustifica a existencia de aproveitamentos inscritos no Libro de Rexistro de Augas que cubran a súa demanda.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a segunda aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilaboa, referida unicamente aos núcleos rurais de Casfalcón (Santo André de Figueirido), Sobreira (Santo Adrán de Cobres), Sabaxáns e Saxosa (Santa Comba de Bértoa) e A Graña e Novás (San Martiño de Vilaboa) e deixar en suspenso os ámbitos referidos no punto II.4 anterior:

– Solos urbanos non consolidados APR-A1 e APR-A2.

– Solos urbanizables residenciais UDR-1 e UDR-5 e solo urbanizable industrial UDI-3.

2. Neses ámbitos, o Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas, elaborar un novo documento coas correccións indicadas, e logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevar novamente este ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese esta orde ao Concello.

6. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda