Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50531

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Carballo (expediente-e IN407A 2021/56-1).

Expediente-e: IN407A 2021/56-1.

Promotora: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Instalación: reforma da LMT, CT e RBT de Prearada, no lugar de Prearada e Reixa da parroquia de San Salvador de Sofán.

Concello: Carballo.

Feitos:

1. O 17 de marzo de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica, co fin da mellora na rede de distribución nos lugares de Prearada e Reixa, parroquia de San Salvador de Sofán no concello de Carballo.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: reforma LMT, CT e RBT Prearada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 4 de xuño de 2021.

– DOG: 16 de xuño de 2021.

– BOP: 14 de xuño de 2021.

– Xornal La Voz de Galicia: 11 de xuño de 2021.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do secretario xeral do Concello de Carballo con data do 16 de xullo de 2021.

3. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación ou suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, ao Servizo de Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña; o Servizo de Montes-Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña e o Concello de Carballo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos e/ou empresas afectados/as de Patrimonio Cultural, Montes e o concello.

5. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE número 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE número 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE número 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE número 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE número 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE número 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE número 246, do 14 de outubro).

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 22, do 1 de febreiro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE número 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE número 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

• Instalacións de media tensión:

– Desmontaxe do actual CT Prearada e do apoio que o sostén, así como do treito de LMTA que o mantiña (39 metros) en condutor nu de tipo LA-30.

– Instalación dun novo CT (Prearada) de tipo intemperie de 50 kVA sobre un novo apoio de formigón de tipo HVH-13/2500 (remate de liña) que substitúe o existente número 55-29-8. A liña existente retensarase sobre este novo apoio.

– No apoio existente número 55-29-6 instalarase un novo seccionador/fusible XS, substituíndo o existente, que se sitúa no apoio número 55-29-8 e que se retira.

• Instalacións de baixa tensión:

– Enlace coa rede de baixa tensión aérea existente, mediante unha nova saída desde o CT proxectado, en condutor soterrado de tipo XZ1-0,6/1 kV 4(1×240 Al), cunha lonxitude total de 111 metros. A liña terá o seu inicio no novo CT proxectado e rematará nos pasos de soterrado a aéreo que se realizarán en dous apoios proxectados, ambos os dous de tipo HV-11/630, os cales substitúen a outros dous apoios da rede de baixa tensión aérea existente.

– A liña discorrerá en gabia de dimensións 0,50 metros de largo e 1 metro de profundidade, canalizada no interior dunha tubaxe de polipropileno de 160 mm de diámetro, instalándose outra tubaxe de similares características que a anterior a modo de reserva e unha tubaxe de polipropileno de 125 mm de diámetro para comunicacións, sendo a lonxitude total da canalización proxectada de 84 metros.

– Reforma dun treito da rede de baixa tensión aérea existente, substituíndo os condutores existentes illados de tipo RZ-3×95/54,6; RZ-3×50/54,6; RZ-3×25/54,6 e RZ-2×25 por novos condutores illados de tipo RZ-3×150/80 (189 metros); RZ-3×95/54,6 (312 metros); RZ-3×50/54,6 (107 metros); RZ-3×25/54,6 (15 metros) e RZ-2×25 (516 metros) sendo a lonxitude total da liña de baixa tensión aérea proxectada de 1.139 metros. Por causa do anterior, cómpre a substitución de 12 apoios de formigón e 3 apoios de madeira existentes, instalándose novos apoios de formigón de tipo HV-11/250 (1 apoio), HV-9/630 (2 apoios), HV-11/630 (9 apoios) e HV-11/1000 (1 apoio) e de fibra de vidro de tipo FV-9/250 (3 apoios), que se situarán no mesmo lugar que os apoios aos que substitúen (ao carón destes). Desmontaxe dos treitos da rede de baixa tensión aérea en condutores illados de tipo RZ-3×95/54,6 e RZ-3×50/54,6 que xa non son necesarios para a rede de BT unha vez reformada, sendo a lonxitude total das liñas que se van retirar de 67 metros.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 4 de outubro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña