Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50537

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Laracha (expediente-e IN407A 2021/29-1).

Expediente-e: IN407A 2021/29-1.

Promotora: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Instalación: LMT, CT Teixoeira e enlace coa RBT, no lugar da Fraga, da parroquia de Vilaño.

Concello: A Laracha.

Feitos:

1. O 11 de febreiro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a rede de distribución en media e baixa tensión existente.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: LMT, CT Teixoeira e enlace coa RBT.

• Anexo 1 do proxecto LMT, CT Teixoeira e enlace coa RBT.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 7 de abril de 2021.

– DOG: 30 de abril de 2021.

– BOP: 13 de abril de 2021.

– Xornal La Voz de Galicia: 9 de abril de 2021.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificados municipais do secretario do Concello da Laracha do 14 de maio e 14 de setembro de 2021.

3. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación ou suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Laracha. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o concello, á solicitude do condicionado solicitado.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

• Desmontaxe dun treito da liña de media tensión aérea ao CT Teixoeira (expediente 25/98), en condutores nus de tipo LA-30, cunha lonxitude de 44 metros. No apoio existente número 10 de tipo HV-13/1000, que xa está a facer as funcións de remate de liña, realizarase o paso de aéreo a soterrado da LMT soterrada proxectada e instalaranse nel pararraios autoválvulas de 18 kV/10 kA.

• No seu lugar proxéctase unha nova liña de media tensión soterrada en condutor de tipo RHZ1-12/20 kV, 3(1×150 Al), que terá o seu inicio no paso de aéreo a soterrado que se realizará no apoio número 10 existente de tipo HV-13/1000 da LMT ao CT Teixoeira (expediente 25/98) e rematará no centro de transformación proxectado, sendo a lonxitude total da liña de media tensión soterrada proxectada de 89 metros.

• Proxéctase a desmontaxe do centro de transformación existente chamado Teixoeira, en caseta de obra civil con transformador de 100 kVA.

• No seu lugar proxéctase un novo centro de transformación prefabricado de manobra interior de tipo PFU-3, que se situará nunha parcela con acceso dende unha vía pública de circulación, en que se instalará un transformador de 100 kVA. Instalaranse dúas celas de liña (unha delas de reserva) e unha cela de protección para o transformador proxectado, todas elas con illamento en SF6.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

d) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 4 de outubro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña