Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2021 Páx. 50320

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca o Programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar), curso 2021/22.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do ocio, competencia en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Esta lei ten por obxecto establecer un marco xeral para o desenvolvemento e organización da actividade física e deportiva, desde unha concepción integral desta, entendendo o deporte como todo tipo de exercicio físico, cunha práctica organizada ou non, pero cunha finalidade de mellora da condición física, psíquica, das relacións sociais ou o logro de resultados en competición de todos os niveis. O deporte é considerado de interese público, atendendo ás funcións que desempeña na nosa sociedade, en especial nos ámbitos da educación, da formación, da cultura, da saúde pública, na cohesión social e tamén no respecto ao ambiente, o que fai necesario a concepción dun novo modelo deportivo galego. Un modelo que facilite, neste caso aos escolares galegos, diferentes prácticas e actividades que atendan as diferentes necesidades dos mesmos desde o dereito de todos a coñecer e practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e non ningunha discriminación.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar, así como definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis (título II, artigo 5.n).

Paralelamente, o artigo 24.2 establece que «a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto, poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos.

Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar como queda establecido no artigo 24.4 da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Para o mellor exercicio destas competencias, tal e como se establece no artigo 6 desa lei, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva, como poden ser as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares entre outras, no desenvolvemento do programa de Xogos galegos deportivos en idade escolar, en adiante, Xogade.

O ano 2021 veu marcado pola crise sanitaria xerada pola expansión da COVID-19 e, consecuentemente, polo conxunto de medidas e actuacións que as autoridades e institucións competentes teñen adoptado nos seus distintos ámbitos e competencias, tamén no deportivo, para conter a súa propagación e mitigar os seus efectos.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o desenvolvemento da práctica de actividade física e deportiva en idade escolar vese facilitada polos axustes realizados e consensuados entre todos os axentes involucrados no programa, nomeadamente as agrupacións deportivas escolares e outras entidades deportivas participantes no mesmo, así coma polos antecedentes e experiencias acumuladas no curso académico 2020/21 pola posta en marcha de diferentes protocolos coma o Protocolo Fisicovid-D×Tgalego polo que se estableceron as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia (aprobado por resolución da Secretaría Xeral para o Deporte do 15 de xuño, DOG do 19 de xuño), o Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2020/21, o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia 2020/21 e o Protocolo de prevención da transmisión da COVID-19 nas actividades extraescolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Chegados a este punto, neste inicio do curso escolar 2021/22, recupérase para a presente tempada a práctica deportiva en idade escolar promovida polo programa Xogade, iso de acordo á normativa e protocolos establecidos para cada unha das actividades e que, en todo caso, quedará condicionada ás modificacións e axustes que por motivos sanitarios se produzan en atención á evolución da pandemia.

Con base no exposto, para o curso escolar 2021/22 convócase a correspondente edición do programa Xogade. Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos –acción que é un dos piares esenciais de actuación da política deportiva para o fomento da actividade física e deportiva entre a poboación– que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte. Seguen tamén as actuacións de Actividade deportiva escolar, a Actividade deportiva federada –seguro deportivo 6-16, o Coñece o meu club, os xogos tradicionais e populares, Xogando coa auga e co vento, espazo lúdico e actividades de promoción. Xogade segue sendo unha ferramenta para os Proxectos de Vida Activa e Deportiva-PVAD encadrado no Plan proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o Programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) para o curso 2021/22 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (deporte.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) curso 2021/22

O programa Xogade, nacido na tempada 2009/10 con dúas actividades, segue evolucionando ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, ANPAS, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas escolares, asociacións etc. que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións do programa para a tempada 2021/22 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada-seguro deportivo 6 a 16.

– Coñece o meu club.

– Proxecto de vida activa e deportiva.

– Xogando coa auga e co vento.

– Xogos tradicionais e populares.

– Espazo lúdico.

– Actividades de promoción.

A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.gal, onde se atopa a ligazón da aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á páxina web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte deporte.xunta.gal.

1. Actividade deportiva escolar.

A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais de deportes.

Para esta organización poderá contar coa colaboración das agrupacións deportivas escolares, clubs, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada que desde a Secretaría Xeral e os servizos provinciais de deporte se estime conveniente.

As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo-dragóns, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados no 2013 e 2012, alevín: nados no 2011 e 2010, infantil: nados no 2009 e 2008 e cadete: nados no 2007 e 2006. Nas categorías poderá haber modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte disporá dun seguro de accidente deportivo gratuíto durante o período de duración da actividade, para todos os escolares participantes con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.

Así mesmo a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará, de forma gratuíta, a través dos seus servizos de deportes provinciais, dentro das limitación da contratación e aplicando os criterios de máximo aproveitamento dos recursos, un servizo de transporte gratuíto para a participación na actividade.

A participación nesta actividade deportiva será totalmente gratuíta.

No programa da actividade deportiva escolar 2021/22:

1. Os adestramentos das diferentes modalidades da actividade deportiva escolar estarán permitidos desde o inicio do programa sempre que se desenvolvan de forma individual ou colectiva, de acordo co que se dispoña en cada momento polas autoridades sanitarias ao relativo a práctica da actividade física e deportiva non federada, e ao establecido nos protocolos da actividade. A evolución da organización das tarefas e exercicios de adestramento quedará condicionado as modificacións e reaxustes que por motivos sanitarios se produzan en cada momento.

2. As competicións locais, comarcais, intercomarcais, provinciais e autonómica que procedan deberán ser autorizadas polo servizo provincial correspondente.

O desenvolvemento da actividade deportiva escolar en 2021/22:

• Seguirá a Normativa Xeral que regula o programa publicada na páxina web:

https://xogade.xunta.gal/ e na aplicación de inscricións.

• Serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación do Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa.

• Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

• A data de comezo da actividade será o día seguinte da firma da presente resolución.

2. Actividade deportiva federada-seguro deportivo 6-16 anos.

A Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 das federacións deportivas galegas adheridas ao programa. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente ao deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

A organización desta actividade recaerá nas federacións galegas, no cumprimento das súas funcións de promoción das súas modalidades deportivas, así como da organización de competicións oficiais autonómicas, establecidas no artigo 56, sección 3º, cap. II de entidades deportivas da Lei 3/2012, do 2 de abril. Organizarán a competición deportiva federada en idade escolar, tendo sempre en conta a obriga de cumprimento establecida para estas entidades no convenio anual coa Secretaría Xeral para o Deporte.

A inscrición dos deportistas neste seguro deberá ser realizada polas diferentes federacións, como parte da tramitación da licenza, a través da aplicación de inscricións.

A práctica deportiva federada sexan adestramentos e/ou competicións, vinculada co seguro deportivo 6 a 16 anos, desenvolverase de acordo coas medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria establecidas en cada momento polas autoridades sanitarias.

A práctica da actividade deportiva federada vinculada co seguro 6-16 de competencia autonómica realizarase de conformidade cos protocolos das federacións deportivas galegas, segundo o indicado na Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Protocolo Fisicovid-D×Tgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia (DOG núm. 120, venres, 19 de xuño de 2020). Os devanditos protocolos están publicados nas respectivas páxinas webs das federacións e son de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos.

Asemade, a práctica axustarase aos termos establecidos nas normativas e protocolos das instalacións onde se desenvolvan e ás restricións sanitarias de cada momento.

As federacións adheridas a este seguro de accidente deportivo para a tempada 2021/22 na data da publicación da presente resolución son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e d.a., karate e d.a., kickboxing, kung-fu, loita e d.a., motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

3. Coñece o meu club.

Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia poderán inscribirse nesta actuación para facilitar aos diferentes centros educativos da súa contorna que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

Nesta actividade técnicos do club, por decisión dos centros escolares (segundo os datos recollidos na aplicación de inscricións) visitarán os centros para facer unha presentación práctica e lúdica do seu deporte, explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa contorna. Os centros decidirán se ampliar esta experiencia cunha visita ás instalacións do club.

O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na normativa deste programa. O club terá a responsabilidade de asegurarse de que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste ao efecto de posibles subvencións.

Para o desenvolvemento do programa Coñece o meu club será de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas de actuación recollidas no Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa. Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento. No caso de desenvolver unha modalidade con versión federada seguiranse os protocolos Fisicovid-D×Tgalego das Federacións Deportivas Galegas.

4. Proxecto de vida activa e deportiva.

O proxecto de Vida Activa e Deportiva (PVAD) busca coordinar todos os esforzos da comunidade educativa dentro e fóra do horario lectivo e dentro e fóra do centro escolar para aumentar a actividade física saudable dos nosos escolares dentro do Plan Galicia Saudable. O PVAD axustarase ao marcado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en termos de adaptación ao contexto da COVID-19.

O Xogade é unha ferramenta a incluír no PVAD e unha maneira de participar no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ademais de na: plataforma DAFIS, programa Máis e Mellor Actividade Física, Móvete + e o Camiña/En bici á escola.

O PVDA, dentro do Plan Proxecta, será un proxecto coordinado pola Fundación Deporte Galego.

5. Xogando coa auga e co vento.

A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación e respecto do medio ambiente cun uso sostible do mesmo, continúa neste curso escolar, con esta actividade que dá cabida a diferentes proxectos postos en marcha en diferentes puntos da nosa xeografía, coa finalidade de achegar os escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como son o mar e os ríos, a través da práctica de modalidades deportivas acuáticas coma: kayak, surf, remo ou vela.

O denominador común destes proxectos será o emprego dos recursos naturais, auga e vento, do surf, do remo e da vela, como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas contidos transversais a diferentes áreas, sempre promovendo e fomentando a actividade física na vida cotiá.

Esta actividade desenvolverase de acordo coa normativa xeral do Programa Xogade e serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación recollidas no Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web de Xogade. Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento. No caso de desenvolver unha modalidade con versión federada seguiranse os protocolos Fisicovid-D×Tgalego das Federacións Deportivas Galegas.

6. Xogos tradicionais e populares.

A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma, establece a actividade de xogos tradicionais e populares cara á contribución ao arraigo dos mesmos nos escolares galegos.

Os servizos de deporte provinciais en colaboración coas agrupacións deportivas escolares cederán ao centro educativo un lote de material (billardas, birlos e chaves) en concepto de préstamo.

Esta actividade desenvolverase de acordo coa normativa xeral do Programa Xogade e serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación recollidas no Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa. Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalación e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

7. Espazo lúdico.

As entidades participantes no programa Xogade (centros de ensino, ANPA, clubs, escolas deportivas municipais etc.) interesadas na practica de actividade física e deportiva baixo un enfoque lúdico e participativo, poderán participar neste programa que se incorporou no 2021 no programa Xogade.

Esta proposta ofrece a posibilidade de realizar actividade física nas instalacións habituais sen implicación de ningunha mobilidade ou desprazamento. As propostas concrétanse en catro bloques de actividades a modo de retos segundo as súas características: habilidades deportivas, condición física, habilidades coordinativas e actividades de ritmo.

As entidades participantes farán un rexistro colectivo dos resultados obtidos en cada unha das probas. Despois poderán poñelas en común coas demais entidades da súa zona a través das agrupacións deportivas escolares.

Esta actividade desenvolverase de acordo coa normativa xeral do Programa Xogade e serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación recollidas no Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa. Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

8. Actividades de promoción.

A través dos servizos provinciais de deportes e, en función das posibilidades deportivas de cada zona, faranse diferentes propostas de actividades encamiñadas a coñecer e promover diferentes disciplinas deportivas. Os participantes terán unha experiencia deportiva con todo o equipamento necesario e, sempre que sexa posible, nas instalacións específicas do deporte.

Esta actividade desenvolverase de acordo coa normativa xeral do Programa Xogade e serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación recollidas no Protocolo Fisicovid-D×Tgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa. Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalación e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.