Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2021 Páx. 50318

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 8 de outubro de 2021 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 14, do 22 de xaneiro).

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2020 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 15.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo ata o 15 de outubro de 2021 para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, resulta conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 15 de novembro de 2021, co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación de prazo ampárase no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Segundo este precepto regulamentario, o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite fixada no artigo 15.2 das bases reguladoras para executar o proxecto subvencionado e presentar a documentación xustificativa, para ampliala ata o 15 de novembro de 2021.

Segundo. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de
Presidencia, Xustiza e Turismo