Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2021 Páx. 50332

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de outubro de 2021 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D).

No Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro de 2021 publicouse a Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D).

No artigo 24 da dita orde, de conformidade co preceptuado no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establécese a posibilidade de ampliar o orzamento dispoñible para o financiamento da orde.

Este incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, tendo en conta que á vista do incremento experimentado dos danos ocasionados polas especies de fauna silvestre (principalmente lobo e xabaril) resulta imprescindible garantirlles aos agricultores e gandeiros afectados o acceso ás medidas adecuadas para previlos, cómpre incrementar a dotación orzamentaria da convocatoria coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posibles.

En consecuencia, ao existiren outras dotacións que poden ser empregadas para este fin, resulta conveniente ampliar o crédito inicial consignado no artigo 24 da referida Orde do 22 de decembro de 2020.

Segundo o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas establecidas na Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D), que ten por obxecto apoiar as persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, na contía de 777.605,07 euros, polo que o importe total destinado a estas axudas, unha vez ampliada a dotación orzamentaria, é de 1.257.605,07 €.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.541.B.770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, de acordo co seguinte:

a) Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe de novecentos sete mil dez euros con noventa e dous céntimos € (907.010,92 €, dos cales 713.058,14 € se destinarán para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada e 193.952,78 € para a adquisición e instalación de valados fixos).

b) Liña de prevención de danos ocasionados polo oso: comprenderá ata un importe de trinta mil euros (30.000 €) que se destinarán á adquisición de pastores eléctricos.

c) Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de trescentos vinte mil cincocentos noventa e catro con quince céntimos € (320.594,15 €) que se destinarán á adquisición de pastores eléctricos.

A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.

Disposición adicional única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda