Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 8 de outubro de 2021 Páx. 49258

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento para realizar altas, baixas e modificacións no Rexistro Galego de Explotacións Acuícolas (código de procedemento PE715C).

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal (BOE núm. 99, do 25 de abril), establece no artigo 38.1 que todas as explotacións animais deben estar rexistradas na comunidade autónoma na que radiquen e os datos básicos destes rexistros serán incluídos nun rexistro nacional de carácter informativo.

Coa publicación do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (DOG núm. 89, do 13 de abril), creouse o citado rexistro, tamén denominado Rega, e adscribiuse á Dirección Xeral de Gandería do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O artigo 4 do Real decreto 479/2004, indica que o titular da explotación deberá facilitarlles ás autoridades competentes, antes do comezo da súa actividade, polo menos os datos necesarios para o rexistro. O titular tamén deberá comunicar os cambios nos datos consignados no rexistro no prazo que a autoridade competente o determine, que non poderá exceder un mes desde que se produzan.

O Real decreto 1614/2008, do 3 de outubro, relativo aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como á prevención e ao control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos (BOE núm. 242, do 7 de outubro), crea o Rexistro de Explotacións de Acuicultura, integrado no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido no Real decreto 479/2004.

O Regulamento (UE) 2016/429, do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal, indica a obrigatoriedade dos operadores de rexistrar e autorizar, de ser o caso, os establecementos de acuicultura.

O Regulamento delegado (UE) 2020/691, da Comisión, do 30 de xaneiro, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429, do Parlamento Europeo e do Consello, no referente ás normas para os establecementos de acuicultura e os transportistas de animais acuáticos, completa as condicións para a autorización e o rexistro dos establecementos de acuicultura.

O artigo 8 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica exercer a función de coordinación da sanidade dos animais acuáticos e dos establecementos de acuicultura.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro), supoñen o marco legal para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas, incluíndo a Administración autonómica de Galicia. No marco autonómico, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), establece o marco estable en materia de administración electrónica en Galicia.

A regulación dos procedementos administrativos obxecto desta norma realízase a través de normativa sectorial. A presente resolución limítase a regular a súa tramitación e habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que os usuarios se poidan relacionar coa Administración a través de medios electrónicos.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto a habilitación e incorporación á sede electrónica do procedemento para realizar altas, baixas e modificacións no Rexistro Galego de Explotacións Acuícolas, para a súa tramitación dentro da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O citado procedemento habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurará na Guía de procedementos e servizos co código PE715C.

O procedemento de alta, baixa e modificación das inscricións no Rexistro Galego de Explotacións Acuícolas e os requisitos e as obrigas dos titulares están regulados no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (BOE núm. 89, do 13 de abril).

Os datos das altas, baixas e modificacións do Rexistro Galego de Explotacións Acuícolas recolleranse no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) da Consellería do Medio Rural e no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, co obxecto de arquivar nun único sitio a información sobre as explotacións gandeiras de toda España.

Segundo. Ámbito de aplicación

Esta resolución será de aplicación a:

1. Explotacións de produción e reprodución que manteñan e críen animais acuáticos ben para obter un fin lucrativo das súas producións, ben para o seu destino ao consumo familiar.

2. Explotacións especiais.

2.1. Explotacións de operadores comerciais: aquelas pertencentes a calquera persoa física ou xurídica rexistrada na actividade, dedicada directa ou indirectamente á compra e á venda de animais acuáticos e que, no prazo máximo de 30 días despois de adquirir os animais, os venden ou trasladan das primeiras instalacións a outras que non lle pertencen.

2.2. Centros de concentración de animais acuáticos tal e como se definen no artigo 3.7 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

2.3. Explotacións de lecer, ensinanza e investigación onde se manteñen animais acuáticos de forma permanente coa finalidade de esparexemento ou didácticas, incluíndo animais para experimentación científica.

2.4. Establecementos de transformación autorizados para o sacrificio de animais de la acuicultura para efectos de control de enfermidades, así como centros de recollida e centros de depuración, de expedición ou centros semellantes de moluscos.

Terceiro. Solicitantes

Os solicitantes deste procedemento serán os titulares das explotacións indicadas no punto segundo desta norma, que poderán ser persoas físicas, administracións públicas, persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria e persoas traballadoras autónomas (no caso de trámites e actuacións que realicen no sector público autonómico no exercicio da súa actividade profesional).

Cuarto. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este formulario correspóndese co anexo I da presente norma.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas (no caso de trámites e actuacións que realicen no sector público autonómico no exercicio da súa actividade profesional), as persoas representantes das anteriores e aqueles colectivos que estean obrigados regulamentariamente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Este procedemento ten o prazo para a presentación de solicitudes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Memoria ou descrición de actividades gandeiras e de construción e infraestruturas da explotación.

– Sistema de vixilancia zoosanitaria para aplicar (non se precisa en baixas).

– Plano de situación (non se precisa en baixas).

– Guía de boas prácticas en materia de hixiene que inclúa medidas de bioseguridade e programa de xestión de subprodutos (non se precisa en baixas).

– Acreditación da representatividade (se é o caso).

– Xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude utilizando o código 30.02.00 das tarifas vixentes na Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Pagarase o importe correspondente á primeira inscrición ou modificación da primeira inscrición, segundo o caso.

No caso de que a solicitude sexa de baixa, non será necesario pagar taxa.

– Outros.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderán solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá constar na solicitude a lista completa de persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo II desta resolución). As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Pertenza a unha agrupación de defensa sanitaria gandeira (ADSG).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Notificacións e resolución

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso , cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para resolver a solicitude de alta, baixa ou modificación no Rexistro Galego de Explotacións Acuícolas será de 3 meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Octavo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas no resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Actualización de formularios normalizados publicados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file