Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 7 de outubro de 2021 Páx. 49083

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2021 pola que se anuncia a apertura do período de información pública do documento titulado Proposta de plan especial de seca da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e do documento ambiental estratéxico.

Segundo se recolle no artigo 26.2.f) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndelle á Administración hidráulica de Galicia a elaboración dos plans de seca, a que se refire o artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, no ámbito das bacías intracomunitarias e, en todo caso, a coordinación dos plans de emerxencias das entidades locais.

Deste xeito á Administración hidráulica de Galicia correspóndelle a elaboración do Plan de seca do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, delimitada segundo se establece na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

O 7 de outubro de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2013 que aprobaba o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Na Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, indícase que co coñecemento e a experiencia adquiridos nos anos transcorridos desde a entrada en vigor da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, considérase necesario ordenar e delimitar con maior detalle o alcance dos instrumentos de planificación, en particular o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa como ferramenta clave na coordinación entre as distintas administracións e para que a súa efectividade se estenda a todas as fases na evolución dun período de seca ou dunha situación de risco sanitario. A disposición derradeira terceira da Lei 9/2019, do 11 de decembro, recolle que no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor se aprobará un plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa adaptado ás previsións contidas nesta lei.

Ademais, cabe sinalar que a actualización e revisión do Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa aparece como unha medida recollida no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que foi aprobado polo Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete e Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

O artigo 18 do Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, aprobado polo Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, recolle que o plan de seca será sometido a información pública, audiencia das partes afectadas e ao informe do Consello para o Uso Sustentable da Auga nos termos indicados no número 4 do artigo 17.

No artigo 17.4 do citado regulamento establécese que o plan se remitirá ás partes interesadas, para os efectos de que poidan presentar no prazo de tres meses as propostas e suxestións que consideren oportunas. Igualmente, remitiráselle ao Consello para o Uso Sustentable da Auga para que, no mesmo prazo, emita o seu informe específico. Simultaneamente o plan porase á disposición do público durante o mesmo prazo. Durante o prazo de información pública indicado, iniciarase a tramitación da avaliación ambiental estratéxica do plan, de acordo coas normas vixentes aplicables ao mencionado procedemento.

En relación co procedemento de avaliación ambiental estratéxica, tal e como se establece no artigo 6.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o plan de seca é obxecto, en paralelo á súa preparación e tramitación, dunha avaliación ambiental estratéxica simplificada, dado que se trata dunha revisión do plan de seca aprobado con anterioridade e que en ningún caso é o marco para a aprobación de novos proxectos.

Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización do Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, polo que con base no anterior, esta dirección

RESOLVE:

Someter a información pública a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e durante un prazo de tres (3) meses a Proposta de plan especial de seca da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e o documento ambiental estratéxico.

O documento do plan especial de seca, que consta de memoria e anexos, e o documento ambiental estratéxico poderán consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal/) durante un período de tres (3) meses. No prazo de información pública poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se consideren convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A).

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia