Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 6 de outubro de 2021 Páx. 48778

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 129/2021, do 23 de setembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (puntos quilométricos 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1, nos concellos de Cambre e Culleredo (A Coruña).

Antecedentes:

Primeiro. O día 12 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 89) o Anuncio do 23 de abril de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (puntos quilométricos 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Segundo. Após a análise dos informes e certificados presentados, o 10 de setembro de 2021 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (puntos quilométricos 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1.

O obxecto do proxecto é a execución de dúas sendas na marxe da estrada AC-213 nos municipios de Cambre e Culleredo (A Coruña), en que se diferencian dous itinerarios:

• Senda peonil entre o núcleo do Burgo e Os Campóns, onde enlaza coa estrada DP-1702.

• Senda diferenciada, peonil e ciclista, entre O Burgo e A Telva: discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (puntos quilométricos 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade