Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 6 de outubro de 2021 Páx. 48780

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 28 de setembro de 2021 de delegación de competencias relativas ás contratacións das cafetarías escolares que se inicien no ano 2021, en cada unha das persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería.

A Orde do 9 de febreiro de 2021 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais desta consellería (DOG número 31, do 16 de febreiro), delega, no seu punto primeiro letra a), na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as funcións que como órgano de contratación corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

Pola súa parte, o punto cuarto establece as delegacións nas xefaturas territoriais.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciará os procesos de contratación do servizo correspondente ás cafetarías escolares dos centros docentes públicos dependentes desta, radicadas nas catro provincias galegas, que por diversas razóns non están adxudicadas. As características específicas do servizo contratado e a súa imbricación na organización interna de cada centro de ensino precisan dunha xestión contractual o máis próxima e descentralizada posible.

Estas consideracións aconsellan no momento actual residenciar nas catro xefaturas territoriais dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade o desenvolvemento das tarefas relativas aos procedementos de contratación que se inicien ao longo do ano 2021 do servizo relativo ás cafetarías escolares dos centros docentes públicos dependentes da consellería: 11 cafetarías radicadas na provincia da Coruña, 2 na de Lugo, 4 na de Ourense e 5 na provincia de Pontevedra, delegando as competencias funcionais de contratación respectivas nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Revogación da delegación de competencias na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica realizada na Orde do 9 de febreiro de 2021

Revogar a delegación no secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da competencia que, como órgano de contratación, lle corresponde á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, exclusivamente nas contratacións do servizo relativo ás cafetarías escolares existentes nos centros docentes públicos dependentes da consellería, que se inicien no ano 2021.

Segundo. Delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais

Delegar, nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, as competencias que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, nas contratacións do servizo relativo ás cafetarías escolares existentes nos centros docentes públicos dependentes da consellería, que se inicien no ano 2021.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. Eficacia da delegación

Esa orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e estenderá aqueles ata a finalización dos procedementos de contratación do servizo relativo ás cafetarías escolares existentes nos centros docentes públicos que se inicien no ano 2021, momento no que recobrará eficacia a delegación desta competencia no secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade