Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Abelenda, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Abelenda, o MVMC Comunal de Nieva, pertencente á CMVMC da parroquia de Nieva, e o MVMC Comunal de San Xusto, pertencente á CMVMC da parroquia de Avión (Santos Xusto e Pastor), no concello de Avión, resultan os seguintes feitos:
Primeiro. Con data do 24 de xaneiro de 2021, a CMVMC de Abelenda presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2021/rx 123133) relativo a un acto de deslindamento entre os montes veciñais en man común de Abelenda, Comunal de Nieva e Comunal de San Xusto.
Coa solicitude achegou a documentación completa e os arquivos en formato shape da liña de deslinde e dos marcos de deslindamento aprobado.
Segundo. O día 28 de maio de 2021, a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2021/1277300) unha emenda ao requirimento feito polo Servizo de Montes, coa que achegou a acta do deslindamento completo.
Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 3 de xuño de 2021, considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
O perímetro estremeiro acordado ten como inicio o punto 1 que, segundo se indica na acta do deslindamento e no resto da documentación presentada, está situado nun penedo denominado A Laxa da Campaniña.
Desde este punto ata o punto 6 o perímetro estremeiro queda ben definido na documentación presentada coas coordenadas dos vértices da liña poligonal aberta que o describe. A partir deste punto o perímetro estremeiro continúa coa liña poligonal aberta definida polos puntos establecidos pola Sentenza da Audiencia Provincial do 4 de maio de 2016 (nº 160).
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de xuño de 2021:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Abelenda, pertencente á CMVMC de Abelenda, o MVMC Comunal de Nieva, pertencente á CMVMC da parroquia de Nieva, e o MVMC Comunal de San Xusto, pertencentes á CMVMC da parroquia de Avión (Santos Xusto e Pastor), no concello de Avión, de acordo co Informe do Servizo de Montes do 3 de xuño de 2021.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 10 de setembro de 2021
Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense