Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 23 de setembro de 2021 Páx. 46778

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes denominados Torreiro e outros, solicitada a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Vecinais en Man Común de Pontellas, no concello do Porriño.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 21 de xullo de 2021, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Torreiro e outros, solicitada a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontellas, parroquia de Pontellas, concello do Porriño, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos feitos que figuran na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra do 27.2.2020, pola cal se clasifican como veciñais en man común as parcelas denominadas Torreiro, San Campio, A Louriña, Calvario e A Abelenda a favor da CMVMC de Pontellas, concello do Porriño, e non se clasifica a parcela denominada A Lagoa. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia o 2.7.2020.

Segundo. O 29.7.2020 a CMVMC de Pontellas presenta recurso de reposición contra a dita resolución no relativo á parcela A Lagoa no cal solicita a clasificación do dito predio, presenta informe pericial coa planimetría dun novo perímetro, en que exclúe del a parte en conflito coa estremeira CMVMC de Atios, coa que alega ter chegado a un acordo neste sentido.

Achega diversa documentación do aproveitamento da parcela nos últimos anos. Este recurso notifícase á CMVMC de Atios e ao Concello do Porriño o 30.11.2020, achegando copia e dando un prazo de quince días para presentar alegacións.

Terceiro. O 22.12.2020 o Concello do Porriño presenta escrito de alegacións en que solicita que se desestime o recurso de reposición da CMVMC de Pontellas, xa que dentro da parcela A Lagoa inclúese un terreo de titularidade municipal. Achega plano de situación cos datos catastrais e plano parcelario.

Cuarto. O 29.12.2020 a empresa Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L. presenta escrito en que solicita a nulidade do expediente e a denegación da clasificación da parcela A Lagoa. Alega que non se lle notificou a tramitación do expediente, malia ser titular rexistral de varias parcelas situadas parcialmente dentro do perímetro do terreo solicitado de clasificación. Alega tamén a improcedencia da clasificación por non haber aproveitamento veciñal, acusa a Comunidade de Montes de poñer marcos en predios privados e argumenta que os terreos en cuestión forman parte do solo urbanizable PPI 1 do PXOM do Porriño. Achega diversa documentación sobre a mercantil e o polígono SUR-PPI do PXOM, e rexistral de diversas parcelas, a maior parte delas sen referencia catastral.

Quinto. O 30.12.2020 a empresa Novafrigsa, S.A. presenta escrito en que solicita a nulidade do expediente e a denegación da clasificación da parcela A Lagoa. Alega que non se lle notificou a tramitación do expediente malia ser titular rexistral de varias parcelas situadas parcialmente dentro do perímetro do terreo solicitado de clasificación. Alega tamén a improcedencia da clasificación por non haber aproveitamento veciñal, acusa a Comunidade de Montes de poñer marcos en predios privados e argumenta que os terreos en cuestión forman parte do solo urbanizable PPI 1 do PXOM do Porriño. Achega diversa documentación sobre a mercantil e o polígono SUR-PPI do PXOM e escrituras de compra de varias parcelas, algunhas sen referencia catastral e a maioría situadas fóra do perímetro do terreo solicitado de clasificación.

Sexto. O 13.1.2021 a empresa Lear Corporation Pontevedra presenta escrito en que solicita a nulidade do expediente e a denegación da clasificación da parcela A Lagoa. Alega que non se lle notificou a tramitación do expediente malia ser titular rexistral de varias parcelas situadas parcialmente dentro do perímetro do terreo solicitado de clasificación. Alega tamén a improcedencia da clasificación por non haber aproveitamento veciñal, acusa a Comunidade de Montes de poñer marcos en predios privados e argumenta que os terreos en cuestión forman parte do solo urbanizable PPI 1 do PXOM do Porriño. Achega diversa documentación sobre a mercantil e o polígono SUR-PPI do PXOM, e rexistral de varias parcelas, a maioría sen referencia catastral ou situadas fóra do perímetro do terreo solicitado de clasificación.

Sétimo. O 31.1.2021 a empresa Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L. presenta escrito en que solicita copia del expediente completo.

Oitavo. O 5.2.2021 a CMVMC de Pontellas presenta escrito de alegacións sobre as presentadas polo Concello do Porriño e as empresas Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., Novafrigsa, S.A. e Lear Corporation Pontevedra. En resposta ao alegado polo Concello do Porriño argumenta que non presentou alegacións durante o trámite de audiencia e recorda o artigo 27 do Decreto 260/1992, que establece que non será atranco para a clasificación o feito de estar incluído nalgún inventario público con asignación de diferente titularidade. Ademais, presenta copia da ficha do inventario de bens municipais en que consta que o título de propiedade é por «posesión inmemorial», o que implica o recoñecemento da titularidade veciñal e alude á disposición da Sala da Audiencia Provincial de Pontevedra do 5.12.2006 (XUR 2007/38237), na cal se recoñece que xa tras a constitución do Concello do Porriño no século XIX, este «...non ten montes no seu dominio e que son da veciñanza das parroquias».

En resposta ao alegado polas empresas Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., Novafrigsa, S.A. e Lear Corporation Pontevedra, alega a Comunidade de Montes que non procede a nulidade porque no procedemento se requiriu información do Rexistro, que emitiu certificado en que consta que non figura inscrita ningunha parcela coa descrición achegada e que a tramitación do expediente se publicou no DOG. Sobre a documentación presentada, alega que moitas certificacións rexistrais non teñen referencia catastral ou están situadas fóra do perímetro solicitado de clasificación. Considera acreditado o aproveitamento veciñal da parcela A Lagoa e que a titularidade privada das parcelas alegada polas empresas deberá acreditarse na xurisdición civil.

Noveno. O 10.2.2021 a empresa Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., presenta escrito en que achega certificacións catastrais das parcelas alegadas da súa propiedade.

Décimo. O 3.3.2021 a CMVMC de Pontellas presenta escrito en que responde ás últimas alegacións da empresa Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., en que se reafirma nas alegacións presentadas anteriormente.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC).

Segunda. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto pola CMVMC de Pontellas por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 124 da citada Lei 39/2015 e inadmitir a trámite os presentados polo Concello do Porriño e as empresas Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., Novafrigsa, S.A. e Lear Corporation Pontevedra, en aplicación dos artigos 116.d) e 124.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (LPAC), por teren transcorrido os prazos establecidos no procedemento.

Terceira. Acéptase o recurso de reposición presentado pola CMVMC de Pontellas en que solicita a clasificación da parcela A Lagoa, alegando ter chegado a un acordo coa CMVMC de Atios para excluír da solicitude o terreo en conflito, consonte a nova planimetría presentada. A CMVMC de Atios presenta certificación da secretaria do acordo da súa Xunta Reitora aceptando o citado recurso de reposición e a clasificación da parcela A Lagoa coa planimetría corrixida. Acreditado no procedemento o aproveitamento veciñal no informe do Servizo de Montes, que recolle que ten «uso forestal, a comunidade de montes ten realizado o mantemento da parcela, a roza do mato e o clareo das masas. Está sinalizado como propiedade da CMVMC de Pontellas e marqueado por eles...», e tamén ratificado pola documentación achegada pola CMVMC de Pontellas, considérase que a parcela A Lagoa cumpre os requisitos para ser clasificada no seu perímetro corrixido.

Cuarta. Inadmítense as alegacións do Concello do Porriño por seren presentadas fóra dos prazos establecidos no procedemento, en aplicación dos artigos 116.d) e 124.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (LPAC). Resulta curiosa a actuación do concello neste procedemento, por canto, despois de nomear procurador no trámite de audiencia, non presentou alegacións durante este, para despois presentalas fóra do prazo unha vez recibido o recurso de reposición da CMVMC de Pontellas, polo que tamén sería de aplicación o artigo 118.1 da dita Lei 39/2015. En todo caso, é de aplicación o establecido no artigo 27 do Decreto 260/1992 polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, cando indica que «non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo». Ademais, o concello non presenta ningunha documentación sobre o uso da parcela reclamada como municipal e a propia ficha do inventario de bens recolle que o título de propiedade é a «posesión inmemorial», o que desvirtuaría a oposición do concello.

Quinto. Tamén se inadmiten as alegacións das empresas Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., Novafrigsa, S.A. e Lear Corporation Pontevedra por seren presentadas fóra dos prazos establecidos no procedemento, en aplicación dos artigos 116.d) e 124.1 da Lei 39/2015. En previsión dunha posible reclamación por indefensión e analizando as alegacións presentadas, cómpre lembrar que o acto de clasificación se limita a declarar a constatación da existencia do aproveitamento consuetudinario do monte polo grupo social e a recoñecer a conseguinte titularidade dese aproveitamento a prol do grupo que o vén realizando, ben que ese recoñecemento de titularidade poderá revisarse pola xurisdición ordinaria no relativo a cuestións de dominio e demais dereitos reais sobre os montes, segundo resulta do artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e a xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Neste sentido, as empresas recorrentes argumentan que as parcelas sobre as que alegan propiedade non teñen aproveitamento veciñal, pero non presentan probas dun aproveitamento propio e recoñecen, en cambio, que están colocados marcos da Comunidade de Montes que deslindan a parcela veciñal. Pola contra, a CMVMC de Pontellas presenta nova documentación para reafirmar o aproveitamento veciñal xa constatado na instrución do expediente por medio do propio informe do Servizo de Montes.

Fronte a este feito probado, as inscricións catastrais a nome das empresas, a condición de terreo urbanizable e as escrituras de compra das parcelas (das que existen dubidas de que cumpran todos os requisitos notariais) non desvirtúan o carácter veciñal da parcela aproveitada pola veciñanza de Pontellas. Porque o tema debatido «non debe remitirse a unha confrontación de titularidades e de inscricións, senón ao exame dos distintos elementos que figuran no expediente para chegar a alcanzar unha convicción nun ou noutro sentido respecto á realidade do aproveitamento» (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 2.11.2000).

Para tal fin, é de aplicación novamente o artigo 27 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, xa citado anteriormente no punto cuarto.

Finalmente, verbo da petición de nulidade do expediente administrativo por falta de notificación ás empresas que son titulares rexistrais de varias parcelas incluídas parcialmente no perímetro do terreo solicitado de clasificación, hai que lembrar que no procedemento consta a petición de información ao Rexistro da Propiedade de Tui que, con data do 5.10.2018, emite certificado en que fai constar que non figura inscrita ningunha das parcelas coa descrición achegada. E que, con data do 26.12.2018, se solicita do mesmo rexistro a anotación preventiva das parcelas obxecto do expediente, cumprindo o requirido con data do 23.1.2019.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Estimar o recurso de reposición da CMVMC de Pontellas no sentido de clasificar como veciñal en man común a parcela A Lagoa a favor da dita comunidade, co perímetro que consta na planimetría achegada no recurso de reposición, e inadmitir os recursos presentados polo concello do Porriño e as empresas Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales, S.L., Novafrigsa, S.A. e Lear Corporation Pontevedra por presentalos fóra de prazo.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 7 de setembro de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra