Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2021 Páx. 46411

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2020/225-4).

Feitos:

Primeiro. O 11 de decembro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada reforma LMT SDM702 na estrada do Vilar.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste en adecuar a LMT 15 kV SDM702 Vilar 2 entre os tramos SDM7020259 e SDM7020237 coa retirada de dous vans, un de condutor CU-25 (61 m) e outro de condutor LA-30 (40 m) e téndense dous vans en condutor LA-56 (107 m). Retírase o apoio de formigón 9XGUNE6J//36CBC7-2 e substitúese o apoio de formigón 9XGMFIMN//36CBC7-3 por un apoio C-1000/12 a intercalar baixo a traza da LMT. As obras sitúanse xunto á estrada do Vilar, na parroquia de Lavadores, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. O 2 de febreiro de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. UFD manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Terceiro. Mediante escrito do 29 de xaneiro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 29 de xaneiro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 24 de febreiro de 2021.

BOPPO (Boletín Oficial da provincia de Pontevedra): 19 de febreiro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 10 de febreiro de 2021.

Taboleiro de anuncios do concello de Vigo durante o prazo regulamentario conforme certificado expedido polo propio concello.

Quinto. Recibíronse as alegacións presentadas por Ruth Cameselle Rodríguez, Sergio Cameselle Rodríguez, Lucía Cameselle Fernández e Jesús Cameselle Fernández. A seguir resúmense as alegacións:

Non se encontra acreditada a necesidade, nin o interese xeral da reforma do trazado. Tampouco se encontra xustificada a conveniencia para o interese xeral de colocar un novo apoio.

Existen alternativas para a colocación do novo apoio en terreos públicos.

A declaración de utilidade supón a perda de valor económico da totalidade da parcela.

Corrección da titularidade da parcela que constan na relación de bens e dereitos.

Non se pode impoñer servidume de pasaxe sempre que a extensión sexa inferior a media hectárea.

A parcela afectada esta catalogada como solo urbanizable non programado dentro dun programa de actuación urbanística denominada parque ofimático e polo tanto non debe figurar na relación de bens e dereitos afectados como solo rústico e con uso principal agrario.

Próximo ao novo poste proxectado encóntrase outro poste, que se entende que se vai substituír, que non prexudica demasiado a ningún dos propietarios e reduce en parte o prexuízo que toca aos titulares da parcela afectada.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas a empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

En relación coa titularidade da parcela afectada, remitiuse á Xefatura Territorial de Pontevedra unha nova relación de bens e dereitos afectados na que figuran como titulares da parcela 1 Jesús Cameselle Fernández, Ruth Cameselle Rodríguez, Sergio Cameselle Rodríguez e Lucía Cameselle Fernández.

En relación coa solicitude de declaración de utilidade pública cabe destacar que UFD cumpre coa normativa vixente.

Destaca que o apoio que se vai substituír non quedará no medio da parcela senón pegado ao linde coa praza de Vilar, encontrándose a parcela xa baixo unha servidume de voo existente e causando a menor afección posible.

O novo poste encóntrase en solo urbanizable e tal como se indica no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro, levantarase sobre a parcela a acta previa de ocupación, no día e na hora notificada aos afectados, momento no que se describirá o ben ou dereito expropiable e farase constar todas as manifestacións e datos que se acheguen para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor do afectado e os prexuízos determinados da rápida ocupación.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas deste proxecto reforma LMT SDM702 na estrada do Vilar, para o cal UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa de construción, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública son:

LMT aérea a 15 kV, con condutor LA-56, de 107 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9XGTVX4J//36CBC7-1 da LMT SDM702 e final no apoio existente 9XGGG090//36CBC7-4 da LMT SDM702.

As instalacións están situadas na estrada do Vilar, Lavadores, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor exponse o seguinte:

No que respecta á titularidade da parcela, cabe destacar que UFD procedeu a actualizar a relación de bens e dereitos afectados figurando como titulares da parcela 1 Jesús Cameselle Fernández, Ruth Cameselle Rodríguez, Sergio Cameselle Rodríguez e Lucía Cameselle Fernández.

Sobre a situación do plan urbanístico do Concello de Vigo, cabe indicar que esta xefatura non é competente na materia de urbanismo, polo que será o Concello de Vigo no procedemento para autorizar a execución das obras o que terá que verificar se se cumpre ou non o previsto en materia urbanística, xa que as autorizacións administrativa previas e de construción se outorgan sen prexuízo de terceiros e independentes das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizadas. Ademais no informe emitido polo Concello de Vigo o 9 de febreiro de 2021 a solicitude desta xefatura, o persoal técnico do Concello informa que «en tanto en canto a liña aérea onde se integra o poste, non varíe as súas características, e non se propoña o seu desvío/soterramento/substitución, hai que entender que esta operación está recollida polas NN.UU., en vigor».

No tocante á limitación do aproveitamento da propiedade ou do seu valor económico, poderase poñer de manifesto esta circunstancia na presentación da folla de aprecio durante a fase de expropiación, momento no cal, o titular concretará o valor que estime como se indica no artigo 30 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Por outra parte, no que atinxe a alternativa proposta, esta non está claramente formulada. Para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. É preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, dita polo TXS de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dúbidas, cal sería desde todos os intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factible tamén polo perito) pois para practicar a correspondente comparación se valorará o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación de prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e é o certo que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas, vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente; pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado; todo o cal ten que recoller a Administración cando aproba unha das opcións; e neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada; a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só mirando os xuros da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectado».

Con relación á declaración de utilidade pública cabe destacar que o artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, dispón que «Se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso». No mesmo sentido exprésase o artigo 140.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. O procedemento expropiatorio no sector eléctrico exixe a xustificación da necesidade e conveniencia da instalación eléctrica e a determinación dos bens de dereitos cuxa expropiación ou afectación resulta imprescindible, e ambos os requisitos deben concorrer para a declaración de utilidade pública. Pois ben, no presente caso cúmprese os dous requisitos citados: xustificación da necesidade da instalación recollida no punto «1. Obxecto» do proxecto presentado por UFD; e a relación de bens e dereitos que consta no expediente administrativo imprescindible para a expropiación. Por último, sobre a utilización do procedemento de urxencia o artigo 149 do Real decreto 1955/2000, dispón: «A declaración de utilidade pública levará implícita, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación, adquirindo a empresa solicitante a condición de beneficiario no expediente, de acordo co establecido no artigo 2.2 da Lei de expropiación forzosa».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada reforma LMT SDM702 na estrada do Vilar, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 31 de agosto de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra