Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 15 de setembro de 2021 Páx. 45301

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 122/2021, do 2 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Sada dos treitos iniciais das estradas autonómicas AC-162 e AC-163.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Sada solicita á Xunta de Galicia a transferencia de titularidade de dous treitos iniciais de estradas autonómicas. Da estrada AC-162, con denominación actual Sada (AC-163)-Bergondo (AC-164), solicita o treito correspondente á avenida da Mariña e á avenida da República de Arxentina ata o límite do Concello Sada/Bergondo. Da estrada AC-163, con denominación actual Sada (AC-162)-Mera (Pº Marítimo), solicita o treito correspondente á avenida da Mariña, avenida de Sada e contornos. Basea a súa solicitude en que estas estradas discorren por solo clasificado como urbano polo Plan xeral de ordenación municipal de Sada, contan con marcadas características urbanas e presentan un tráfico principalmente de ámbito local.

O Concello de Sada é atravesado por varias estradas autonómicas, entre elas as estradas AC-162 e AC-163 con categoría funcional de rede local. A estrada AC-162 ten unha lonxitude total de 4,39 km e discorre polo municipio de Sada entre o seu inicio e o punto quilométrico 0+980, rematando no Concello de Bergondo. Por outro lado, a estrada AC-163 comeza en Sada e remata no Concello de Oleiros, ten 11 km de lonxitude e atravesa Sada entre os seus puntos quilométricos 0+000 e 7+040. Estes treitos de estradas autonómicas discorren por solo clasificado como urbano polo PXOM de Sada e carecen de funcionalidade dentro da Raega.

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Sada de:

Código

Treito que se vai transferir

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

Lonx. (m)

AC-162

Sada (AC-163) (intersección rúa Alcalde Fernández Pita)-Límite Concello Sada-Bergondo

0+000

X = 560.527

Y = 4.800.085

0+980

X = 561.157

Y = 4.799.608

980

AC-163

Sada (AC-162) (intersección rúa Alcalde Fernández Pita)-Intersección DP-7506 Sada-Pazos

0+000

X = 560.517

Y = 4.800.113

1+840

X = 560.314

Y = 4.801.386

1.840

– Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede Autonómica de Estradas de Galicia aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade.

O documento do Catálogo modificado poderá consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Infraestruturas_Estradas

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sada deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade aos cales se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Sada, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade