Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37801

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Prado Vello, sito nos concellos de Taboada e Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido por Breotecnia, S.A. (expediente IN661A DXIEM-08/11).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Prado Vello.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Prado Vello, sito nos concellos de Taboada e Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido por Breotecnia, S.A., cunha potencia de 9 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Breotecnia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 86.667 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante as xefaturas territoriais correspondentes un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo e Pontevedra inspeccionarán, nos seus respectivos ámbitos, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Breotecnia, S.A. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

9. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 26.10.2015, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Prado Vello (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 9 MW, promovido por Breotecnia, S.A. (en diante, a promotora).

2. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

3. Pola Resolución do 8 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, das instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31.7.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 16.7.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 12.7.2012 (corrección de erros publicada o 19.7.2012), e nos xornais El Progreso, o 8.6.2012, e La Voz de Galicia, o 11.7.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Taboada, Chantada e Rodeiro, das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria de Lugo e de Pontevedra, das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo e de Pontevedra, e da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas.

– O proxecto afecta plantacións de piñeiros e castiñeiros, así como muros de peche e contención de predios, que lindan cun vieiro que se vai ampliar.

– Solicítase que se materialice sobre o terreo mediante estacas a superficie afectada, co fin de establecer con exactitude todos os elementos afectados.

– Afección do proxecto a unha explotación de porcino próxima, que pode prexudicar o normal desenvolvemento da actividade de cría dos animais.

– A superficie en que se van instalar dous dos aeroxeradores está clasificada como solo non urbanizable de protección ecolóxico paisaxístico, segundo o Plan de ordenación do concello de Taboada.

– O proxecto non conta co correspondente proxecto ou estudo de impacto ambiental.

– O proxecto afectará un camiño recentemente asfaltado, polo que se pide un compromiso por parte da promotora de devolver o firme ao seu estado anterior ás obras, xa que o dito camiño cobrou importancia para o tránsito pola súa proximidade ao concello de Chantada.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

4. Durante a tramitación do procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., Concello de Rodeiro, Galicia Vento, S.L., Concello de Taboada e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

5. O 6.9.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

6. O 9.1.2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

7. O 13.10.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que se someteu o proxecto recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, e de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas.

O 26.10.2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 22 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 46, do 8 de marzo).

9. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que se indica que as posicións dos tres aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

10. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

11. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 9 MW, segundo informe do xestor da rede do 15.4.2019.

12. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais