Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 24 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Agro de Quinta, a favor dos/das veciños/as do Agro de Quinta, na parroquia de Amarante (Santa María), no concello de Maside (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artígo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 21 de abril de 2021, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Agro de Quinta, a favor dos/das veciños/as do Agro de Quinta, na parroquia de Amarante (Santa María), no concello de Maside (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 31 de marzo de 2017 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería d Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Sara Trillo Quintela en que solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Agro de Quinta.

Segundo. Con data do 6 de novembro de 2019, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abrir un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Os veciños do Agro de Quinta presentaron escrito de alegacións contra o acordo de inicio do procedemento en que se excluían as parcelas 688 e 689 do polígono 1, xa que tamén foran solicitadas polos veciños de Dacón. Defenden que as citadas parcelas foron usadas desde tempo inmemorial polos veciños do Agro de Quinta.

Alegan que aínda que o monte está actualmente dividido debido á construción dunha estrada, o monte sempre foi único e foi aproveitado por eles. O monte, ademais, foi ocupado temporalmente por ADIF e o diñeiro que se pagou pola dita ocupación foi cobrado polo Concello de Maside. Tamén indican que non dispoñen de ningún documento escrito que o acredite, xa que o Concello lles di que non os atopa.

En relación co exposto, o Xurado Provincial considera que a controversia entre os veciños do Agro de Quinta e os de Dacón é unha cuestión de propiedade que o Xurado non ten competencia para decidir, e por tanto correspondería determinar aos xulgados da xurisdición ordinaria.

Por outro lado, María del Carmen Trillo Quintela presentou un escrito de alegacións en que sinala que a parcela 461 do polígono 1, incluída no acordo de inicio de clasificación do monte, é da súa propiedade, polo que solicita que non sexa incluída no acordo de clasificación. En proba do alegado presenta unha escritura pública de aceptación e adxudicación de herdanza.

As persoas representantes do monte, na sesión do Xurado Provincial celebrada o día 21 de abril de 2021, recoñeceron que a parcela 461 do polígono 1 non é monte veciñal en man común.

Polo que o Xurado Provincial acordou a clasificación do monte tal e como figura no acordo de inicio da clasificación, coa exclusión da parcela 461 do polígono 1.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Nome do monte: Agro de Quinta.

Superficie: 8,91 ha.

Pertenza: veciños/as do Agro de Quinta.

Parroquia: Amarante (Santa María).

Concello: Maside.

Descrición das parcelas que constitúen o monte:

Considérase que os terreos obxecto da solicitude constitúen dous coutos redondos, segundo a definición que figura no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, xa que a continuidade da súa superficie unicamente se ve afectada por vías de comunicación (camiños ou estradas).

Parcelas obxecto de clasificación

Parcelas estremeiras

32046A00400743

32046A00400744

Norte

32046A00409003

Leste

32046A00400639

32046A00400640

32046A00409020

32046A00400680

32046A00400695

32046A00400742

32046A00400700

32046A00400791

32046A00400792

32046A00400701

32046A00400699

32046A00400698

32046A00400697

32046A00400696

32046A00400741

Sur

32046A00400705

32046A00400702

Oeste

32046A00109019

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da dita Lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala Contencioso-Administrativa do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e que corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 149/2018 do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado do Agro de Quinta, a favor dos/das veciños/as do Agro de Quinta, na parroquia de Amarante (Santa María), no concello de Maside (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Ourense, 24 de xuño de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense