Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36437

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 24 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Trasmiras, a favor dos/das veciños/as de Trasmiras, no concello de Trasmiras (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 23 de xuño de 2021, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado de Trasmiras a favor dos/das veciños/as de Trasmiras, na parroquia de Trasmiras (San Xoán), no concello de Trasmiras (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 17 de decembro de 2020 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de José Luis Rodríguez Rodríguez en que solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas de Trasmiras.

Segundo. Con data do 21 de abril de 2021, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abrir un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Contra o acordo de inicio do procedemento presentouse un escrito de alegacións por parte de varios interesados en que afirman que a parcela obxecto da solicitude de clasificación non reúne os requisitos para ser clasificada como monte veciñal en man común, de acordo co establecido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e que as persoas máis vellas do lugar afirman que a adquisición da propiedade por parte dos veciños tivo a súa orixe nunha cesión gratuíta, motivada por motivos relixiosos e outros motivos puramente altruístas, e que a zona alcanzaba unha maior superficie en tempos pasados, cando se procedera á venda de diversas partes a veciños da zona, operación que non se tería podido levar a cabo se os terreos fosen monte veciñal.

Tamén manifestan que se debe notificar persoalmente a todos os veciños de Trasmiras a existencia do presente expediente, de acordo co establecido no artigo 11.2 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

O Xurado Provincial, logo de examinar as alegacións presentadas, acordou a súa desestimación, ao entender que os alegantes se limitaron a realizar unha serie de afirmacións sen ningún tipo de base documental e da análise da documentación presentada polos polos solicitantes enténdese que os terreos se axustan ao concepto de monte veciñal recollido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Ademais, na certificación do Rexistro da Propiedade consta a parcela inscrita a favor dos veciños de Trasmiras en virtude da adxudicación na concentración parcelaria da zona de Trasmiras.

Polo que respecta ao presunto incumprimento do establecido no citado artigo 11.2 da Lei 13/1989, o Xurado Provincial considera que no presente procedemento se cumpriron as formalidades exixidas pola normativa de montes veciñais. O citado artigo efectivamente indica que se debe notificar o procedemento ás persoas que teñan ao seu favor a inscrición no Rexistro da Propiedade dalgún título.

No Rexistro da Propiedade, como xa se indicou, a parcela obxecto da solicitude consta inscrita a favor da comunidade de veciños de Trasmiras, resultando que a solicitude de clasificación foi presentada precisamente en representación dos veciños do lugar de Trasmiras, polo que o Xurado Provincial non considera que sexa precisa unha notificación individual a cada un deles.

Polo exposto, o Xurado Provincial acordou a clasificación do monte tal e como constaba no acordo de inicio da clasificación.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Nome do monte: de Trasmiras.

Superficie: 0,65 ha (segundo os datos do Rexistro da Propiedade), 0,6 ha (segundo os datos catastrais).

Pertenza: veciños/as de Trasmiras.

Parroquia: Trasmiras (San Xoán).

Concello: Trasmiras.

Nas seguintes táboas indícanse as referencias catastrais das parcelas obxecto de clasificación, así como as das estremeiras.

Parcela obxecto de clasificación

Parcelas estremeiras

32083A50301314

Norte

32083A50321315

32083A50311315

Leste e sur

Camiño (sen referencia catastral)

Oeste

Terreo de dominio público polo que ten acceso á N-525 (sen referencia catastral)

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala Contencioso-Administrativa do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e que corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 149/2018 do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado de Trasmiras a favor dos/das veciños/as de Trasmiras, na parroquia de Trasmiras (San Xoán), no concello de Trasmiras (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Ourense, 24 de xuño de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense