Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 9 de xullo de 2021 Páx. 35123

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19 (programa Cheques dixitalización COVID-19), susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300E).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do 7 de xuño de 2021, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19 (programa Cheques dixitalización COVID-19), susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19 (programa Cheques dixitalización COVID-19) e convocalas para o ano 2021 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300E).

Esta convocatoria é susceptible de ser financiada ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

Indicador de produtividade CO01-Número de empresas que reciben axudas.

Indicador de produtividade CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

Indicador de produtividade CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

Indicadores de resultado:

Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2021

2021 00012

06.A1.741.A.7810

400.000 €

2021 00012

06.A1.741.A.7700

3.600.000 €

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes recibidas, sen incrementar o crédito total.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, tras a declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para presentar a xustificación:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 30 días hábiles desde a data de presentación de solicitude de axuda e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos e o de xustificación da execución rematarán o 15 de novembro de 2021.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte
á situación provocada pola COVID-19 (programa Cheques dixitalización COVID-19), susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia
da COVID-19

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a conseguir os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.

Como consecuencia da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pola epidemia do coronavirus COVID-19, os axentes económicos teñen novas necesidades e prioridades. Deben adaptarse á nova realidade co obxectivo de seguir funcionando e fixéronse conscientes de que unha das principais vías é a da dixitalización, que adquiriu en moitos casos un carácter de urxencia.

Aínda que o Igape dispón doutro instrumento de apoio para a dixitalización dirixido a proxectos de dixitalización avanzada, con visión estratéxica e resultados a longo prazo, as axudas reguladas no presente texto veñen cubrir o oco de dixitalización básica e necesaria. Por unha banda, atendendo a sectores –hostalaría, turismo, comercio, transporte, formación, salón de peiteado e estética persoal–- ou tipos de organización –economía social, tecido asociativo– que terían dificultade para acceder ao réxime de axudas existente e, por outra, propón un conxunto de proxectos subvencionables tipificados, simples, de rápida resolución mediante concorrencia non competitiva, de execución inmediata e orientados á adaptación a necesidades inmediatas consecuencia da situación creada pola COVID-19.

As presentes bases ampáranse no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poida levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos rapidamente e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continua.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas axudas teñen como obxecto subvencionar proxectos que promovan a adaptación dos beneficiarios elixibles á situación creada pola COVID-19 mediante a implementación efectiva de tecnoloxías dixitais en calquera das seguintes categorías:

• Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.

• Sistemas de control de capacidade: cámaras, sensores, sistemas en liña sobre catálogo diario (xestión de citas), xestión de colas.

• Sistemas de control de estado sanitarios: cámaras específicas, pulseiras.

• Sistemas de control de normas de calidada COVID-19.

• Sistemas e aplicacións de xestión baseados en Low code automation.

• Sistemas de catálogos diarios efémeros; sistemas de xestión de pedidos efémeros, notas de pedimento.

• Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes a clientela e de emisión de contidos en xeral.

• Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría (menús, cartas …).

• Sistemas de balizas.

• Automatización de procesos regulados, tarefas reguladas, pasos regulados pola COVID-19.

• Adaptación da presenza na internet para o efecto da COVID-19, mediante elementos como bots de conversación autónoma, integración de sistemas de comercio básicos, mellora do catálogo de produtos, solucións de atención remota, sistemas pick and go (compra en móbil e recollida en tenda) e outros similares.

• Solucións de conectividade e incorporación do teletraballo.

• Solucións de mellora da ciberseguridade.

• De maneira excepcional, outros que poidan axudar á dita adaptación, o cal se motivará na resolución de concesión.

2. Os proxectos deberán estar comprendidos entre os 1.500 € e os 12.000 € de gasto subvencionable, suxeitos aos límites entre partidas do artigo 5.

3. Cada entidade poderá solicitar o programa Cheques de dixitalización COVID-19_2021 unha única vez.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Esta convocatoria é susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e está sometida ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) 1303/2013). Tendo en conta o importe das axudas e o número de beneficiarios, o réxime de axudas configúrase como unha única operación Feder, no marco da opción prevista no artigo 2 do Regulamento 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046, para o caso de axudas de estado cuxo importe por empresa sexa inferior a 200.000 €.

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

Indicadores de resultado:

– Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.

– Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados. Con todo, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE Euratom) 218/1046, de maneira que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. O Regulamento (UE) 1407/2013 limita a 200.000 € as axudas en réxime de minimis concedidas a unha mesma empresa nun período de 3 anos (100.000 € no sector do transporte). Estes 3 anos deben avaliarse con carácter permanente de tal modo que, para cada subvención de minimis que se conceda a unha empresa, debe tomar en consideración o exercicio fiscal en que se conceda a axuda (2021) e os dous exercicios fiscais anteriores.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades con centro de traballo en Galicia comprendidas nalgunha das seguintes categorías:

a) Pequenas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa) que desenvolvan a súa actividade en calquera sector de servizos.

b) As seguintes entidades da economía social: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deben cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Quedan excluídas desta epígrafe as entidades dedicadas aos sectores da pesca e da acuicultura, regulados polo Regulamento (CE) 104/2000 do Consello, e as entidades dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

c) Entidades do tecido asociativo empresarial e laboral, como poden ser asociacións empresariais, agrupacións industriais, colexios profesionais, asociacións sindicais ou cámaras. En calquera caso, estas entidades deben cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas nas cales concorra algunha das restantes circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

Artigo 5. Gasto subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que estean vinculados ao proxecto e que se materialicen nos conceptos que se relacionan a continuación.

a) Activos dos seguintes tipos:

– Equipos informáticos, sensórica, wearables e outro equipamento electrónico.

– Licenzas de software estándar de mercado. Para comprobar que se trata dun produto, verificarase que existe unha páxina web pública dispoñible na internet onde, como mínimo, se expliquen as características do software e as condicións en que se comercializa.

– Dispositivos de conectividade cando o traballo se desenvolva nunha zona rural na cal se deban realizar gastos extraordinarios para adaptar a conexión a necesidades de acceso a redes.

b) Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado (comprobado como no punto anterior) durante un ano. O custo subvencionable será en todo caso o aboado por parte do solicitante durante o período de gasto subvencionable, co límite de cobertura dun ano.

c) Colaboracións externas encamiñadas á adaptación e personalización dos sistemas dixitais e ao adestramento sobre a súa aplicación e uso.

A suma do gasto subvencionable nas letras a) e b) non superará os 10.000 €. O máximo de gasto subvencionable no punto c) será de 4.000 €.

2. Os activos, punto 1.a) poderán ser adquiridos en propiedade ou utilizarse en réxime de arrendamento durante o período de execución do proxecto. Neste caso, o custo subvencionable será o importe das cotas satisfeitas, sen recargas, xuros ou outros custos adicionais.

3. Os custos de adquisición de activos de segunda man poderán ser subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e de que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

b) O prezo non sexa superior ao valor de mercado e sexa inferior ao custo dos bens novos similares, para o cal deberá achegarse certificado de taxador independente.

4. Os bens, materiais e servizos obxecto do proxecto deberán ser contratados a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Quedan excluídos os investimentos e gastos non directamente relacionados e vinculados coa finalidade do proxecto para executar, segundo se define no artigo 1 destas bases.

6. Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos recuperables.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde o día seguinte ao peche da convocatoria anterior (1 de outubro de 2020) ata a data máxima de execución establecida na resolución de convocatoria, 15 de novembro de 2021. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

2. Os proxectos deberán estar implementados e en uso na entidade beneficiaria ao final do prazo de execución do proxecto.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Contía da axuda

A contía da axuda será do 80 % dos importes indicados no artigo 5, co límite máximo de 9.600 € por empresa ou o importe máximo de minimis que poida recibir de acordo co que establece o Regulamento (UE) 1407/2013.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicitan a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación.

f) Que manterá os activos fixos subvencionados durante o período de mantemento dos investimentos segundo o establecido no artigo 17 das bases reguladoras.

g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

h) Declaración da súa dimensión de pequena empresa para os beneficiarios identificados no artigo 4.1.a) e de pequena ou mediana empresa para os beneficiarios identificados nos artigos 4.1.b) e c).

i) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma
@asina da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

b) Memoria descritiva do proxecto, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude, e deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:

– Descrición da situación actual e o problema de adaptación para o cal se require o proxecto.

– Especificación da solución que se adoptará e previsión de resultados.

– Plan de traballo.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 9.1 destas bases.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se tera por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena empresa para os beneficiarios identificados no artigo 4.1.a) e de pequena ou mediana empresa para os beneficiarios identificados nos artigos 4.1.b) e c), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación formularase proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 14. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeneral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Só se admitirán modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a cambios nos investimentos/gastos aprobados para conseguir un mellor cumprimento dos obxectivos do proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a solicitude de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos durante os seguintes prazos:

Manter os investimentos en activos fixos adquiridos en propiedade no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde ter recibido o pagamento da subvención. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, durante o período mencionado, e non poderá ser obxecto de subvención.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, a Intervención Xeral da Administración do Estado e o Tribunal de Contas, ás comprobacións e verificacións que van realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros diligenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir de 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da execución do proxecto. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

g) No caso de non poder realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigacións que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O beneficiario deberá xustificar a execución do proxecto aprobado dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria presentando o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de xustificación (IDEL) que identificará univocamente o documento de xustificación. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a xustificación mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática
https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. Os formularios que carezan do IDEL ou nos cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao comezo do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidos, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerado o documento de xustificación na aplicación informática, o beneficiario deberá presentalo obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a xustificación non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

5. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

6. O sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, a cal formará parte do formulario de liquidación, incluíndo neste os datos exixidos no dito artigo, segundo o detalle que se describe a continuación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Aplicado a esta subvención consiste en: describir os proxectos implementados, achegar evidencia do seu uso mediante material gráfico e describir a utilidade para o beneficiario.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. Aplicado a esta subvención consiste en: listaxe de facturas, con indicación:

• Da actuación a que corresponde.

• Data e número da factura.

• Importe do IVE excluído.

• Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.

• Descrición dos bens ou servizos proporcionados.

• Forma de pagamento.

• Data de pagamento.

A listaxe totalizarase para cada unha das actuacións descritas no artigo 1.2 e recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

Aplicado a esta subvención consiste en: declaración responsable de non solicitar ningunha outra axuda para as actuacións recollidas na solicitude de axuda. No daso de non constar esta declaración responsable, será motivo de incumprimento.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

En condicións normais, este punto do artigo 51 do Decreto 11/2009 non se aplica a estas subvencións.

O Igape poderá requirir aos beneficiarios a remisión dos xustificantes das finalidades dos proxectos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, comprobando para estes efectos o Igape un mínimo do 10 % dos expedientes.

Este mesmo requirimento será aplicable cando das comprobacións realizadas non se consiga a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda.

7. Cando o Igape requira dos beneficiarios evidencia sobre a adecuada aplicación da axuda, esta poderá constar da seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de abonos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepcicón asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de xustificación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 17.d), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 9 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

8. No momento da xustificación, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá presentar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento, que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 16 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, coa condición de que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. O aboamento do 50 % do importe da axuda realizarase anticipadamente unha vez concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009.

2. O aboamento da cantidade restante de axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007 ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobranza da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito á cobranza da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, a Intervención Xeral da Administración do Estado e o Tribunal de Contas, ás comprobacións e verificacións que vai realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar, no momento da xustificación da axuda, estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 17.a), procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación: non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriu este requisito.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 17, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, a Intervención Xeral da Administración do Estado e o Tribunal de Contas, ás comprobacións e verificacións que deba realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

d) Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013 e (UE) 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

e) Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote da COVID-19.

f) Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

g) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

h) Orde HFP/1979/2016 do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

i) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

j) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

k) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

l) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

m) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file