Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34966

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Laxe

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan parcial do sector do solo urbanizable S-UBLE 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Laxe.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria de data 27 de maio de 2021 adoptou o seguinte acordo de aprobación do Plan parcial do sector de solo urbanizable S-UBLE 1 do PXOM de Laxe:

«Primeiro. Asumir o punto XI do informe técnico de data 28.4.2021 en relación á resolución das alegacións presentadas durante o trámite de información pública pola entidade mercantil Urbalaxe, S.L. e pola Asociación Medioambiental Contramínate de Laxe e, en consecuencia:

– Alegacións de Urbalaxe, S.L.:

– Alegación nº 1: proponse a súa desestimación xa que non é unha alegación contra o plan parcial senón conta a edificabilidade establecida no PXOM para este sector o que resulta improcedente.

– Alegación nº 2: proponse a súa estimación parcial e considéranse adecuados os novos prazos de execución da actuación introducidos no plan de etapas do plan parcial.

– Alegación nº 3: proponse a súa desestimación polas razóns expostas no informe do equipo redactor.

– Alegación nº 4: proponse a súa estimación parcial incorporando nos usos previstos na ordenanza zonal 1 o docente en categoría 2ª en planta baixa e desestimando o resto dos cambios propostos polos alegantes. Proponse a desestimación da parte da alegación referente á posibilidade de permitir o uso de vivenda unifamiliar en parcela independente ou acaroada debido a que suporía un cambio da categoría do uso residencial e a tipoloxía previstos no PXOM para este sector, vulnerando o principio de xerarquía normativa do planeamento.

– Alegación nº 5: proponse a súa desestimación e infórmase favorablemente o incremento de altura de cornixa de 10,20 metros previsto no documento de aprobación inicial do plan parcial a 11,20 metros que se propón no presente.

– Alegacións da Asociación Medioambiental Contramínate de Laxe:

– Proponse a súa desestimación xa que se refire a aspectos que xa están previstos dunha forma suficiente no plan parcial.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan parcial do sector de solo urbanizable S-UBLE 1 do PXOM do concello de Laxe, co reaxuste da súa delimitación, segundo a documentación técnica elaborada polos arquitectos Alfredo Garrote Pazos (arquitecto colexiado 1440 COAG) e Mónica Mesejo Conde (arquitecta colexiada 1475 COAG), presentada o 08/02/2021 (R.E. 202199900000074) coas modificacións resultantes das alegacións formuladas e dos informes emitidos.

Terceiro. Publicar o acordo de aprobación definitiva, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan que constan no punto 3.2. da parte xustificativa da memoria do plan parcial e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan a disposición do público.

Cuarto. Comunicar este acordo de aprobación definitiva á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMATV) en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e remitirlle un exemplar do plan parcial debidamente dilixenciado, aos efectos da súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Quinto. Publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas reguladoras do plan parcial.

Sexto. Notificar o acordo de aprobación definitiva do plan parcial aos interesados e individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles tivese notificado a aprobación inicial, aos efectos do previsto no artigo 75.1 da LSG e 186.4 do RLSG.

Sétimo. Remitir o documento do plan parcial aprobado definitivamente completo e dilixenciado á Dirección Xeral da Costa e do Mar para a Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico, a través da Demarcación de Costas de Galicia, para a súa comprobación e constancia».

Ao abeiro do disposto nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e dos artigos 199 e 208 do seu regulamento, as indicacións das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente de aplicación do plan, son os seguintes:

Mediante Resolución do 7 de xuño de 2018 da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulouse o informe ambiental estratéxico (I.A.E.) polo que se resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o Plan parcial do sector de solo urbanizable S-UBLE 1 no concello de Laxe (DOG núm. 128, do 5 de xuño).

Non entanto, na mencionada resolución establécense unha serie de medidas adicionais que se van integrar no documento do plan parcial para limitar o alcance dos posibles efectos ambientais de carácter negativo que se poidan producir pola intervención, que se derivan en gran medida do informe realizado polo IET durante o período de consultas e que se concretan nunha serie de determinacións que incorporar ao plan parcial, que son as que se indican a continuación:

– Restrinxiranse ao mínimo indispensable a ocupación do solo destinada ao novo equipamento e aos aparcamentos.

– Estableceranse criterios para a naturalización e integración paisaxística dos proxectos de urbanización que se redacten, especialmente os dos aparcamentos, evitando o selado do terreo. Empregaranse especies vexetais autóctonas propias do contorno, fomentando a colonización por especies propias de áreas de influenza dunar onde as características do substrato o permitan.

– Condicionarase o plan especial previsto para a ZV-5 coa finalidade de evitar a perda de conectividade ecolóxica no corredor do rego San Amedio; evitar a creación de presas que obstaculicen o paso dos peixes, restrinxir a iluminación pública no seu contorno e respectar a vexetación autóctona de ribeira.

As medidas que se van adoptar no plan parcial para incorporar estas determinacións son as seguintes:

a) En canto ao tema dos aparcadoiros, xa indicamos con anterioridade, a colisión que se produce co establecido na lexislación de costas en canto á disposición de prazas de aparcadoiro na zona de influencia. A redacción do plan parcial viuse como unha oportunidade para dotar de aparcadoiros a praia de Laxe fóra do dominio público marítimo terrestre e as súas zonas de protección, que están invadidas hoxe en día polos vehículos privados dos usuarios da praia. Esta é a única razón que impulsou a prever máis prazas de aparcadoiro que as estritamente necesarias por aplicación dos estándares legais establecidos na Lei do solo de Galicia e o seu regulamento.

b) O tratamento das zonas que se van urbanizar, en especial, a zona de aparcadoiros proxéctase con pavimentos que garanten en gran medida a permeabilización do solo, como son o formigón con xunta aberta nas zonas de acceso e o cespeado portante nas prazas de estacionamento. En canto ás especies vexetais, establécense dous tratamentos, as plantacións vexetais das zonas máis «urbanas» como son a área de aparcadoiro e a praza pública inmediata, prevese mediante especies autóctonas adaptadas ás condicións climáticas das zonas de litoral venteado e que xa existen na contorna, como son o salgueiro (salix atrocinerea), aliso (altus glutinosa), érbedo (arbutus unedo), loureiro (laurus nóbilis) ou pereiras silvestres (pyrus cordata), doutra banda, o tratamento do espazo libre de maior entidade (ELP-2), consistirá unicamente nunha rexeneración e descontaminación, se é o caso, deixándoo en estado totalmente natural.

As aplicacións destas medidas de urbanización garantiranse introducíndoas nas determinacións normativas de urbanización do plan parcial.

c) Realmente resulta bastante dubidoso que se poidan dar condicionantes a un plan de desenvolvemento a través doutro, aínda que resulten complementarios, o correcto é que se faga a través do plan xeral, no entanto, daranse pautas indicativas na normativa do presente plan parcial.

O contido íntegro do plan parcial estará á disposición do público no enderezo electrónico: www.concellodelaxe.com

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede na Coruña, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poida interpor vostede calquera outro recurso que puidese considerar máis conveniente ao seu dereito.

Laxe, 16 de xuño de 2021

José Luis Pérez Añón
Alcalde