Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33977

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., autorizada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 22 de abril de 2021.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 22 de abril de 2021, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, do artigo modificado dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Artigo 1. Denominación

Baixo a denominación de Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. constitúese unha sociedade mercantil anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, que se rexerá polo disposto nestes estatutos e, no non previsto neles, polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo; pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. ten a consideración de medio propio personificado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

O réxime xurídico e administrativo aplicable ás encargas que se lle poidan conferir á empresa pública na condición de medio propio personificado é o previsto na Lei 9/2017, de contratos do sector público; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Pola súa consideración de medio propio personificado, a empresa pública non pode participar en licitacións públicas convocadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se lle poida encargar a execución da prestación obxecto daquelas.