Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33498

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., como medio propio personificado, para a xestión dos servizos de contact center realizados co teléfono 881 00 20 21 e outros servizos telefónicos do Servizo Galego de Saúde relacionados coa COVID-19.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 10 de xuño de 2021, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, de encomenda a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., como medio propio personificado, para a xestión dos servizos de contact center relacionados co teléfono 881 00 20 21 e outros servizos telefónicos do Servizo Galego de Saúde relacionados coa COVID-19.

– Actividade: Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. asumirá a realización das actuacións necesarias para a xestión dos servizos de contact center relacionados co teléfono 881002021 e outros servizos telefónicos do Servizo Galego de Saúde relacionados coa COVID-19.

A finalidade é poder dispoñer de información que permita actuar para controlar a propagación da enfermidade e poder canalizar a atención aos cidadáns desprazados na comunidade autónoma que poidan presentar síntomas vinculados coa COVID-19 ou procedan de zonas de risco.

Ademais, dada a relevancia dunha correcta comunicación cos cidadáns, faise necesario garantir a fiabilidade dos datos de contacto integrados no servizo de tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde que permitan enviar as comunicacións que sobre a materia se consideren oportunas. Pola súa vez, trátase de garantir uns servizos a través dunhas liñas telefónicas específicas que eviten o colapso noutras liñas de atención telefónica sanitaria.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Financiamento: o importe da encomenda é de 693.033 € e aboarase a Galaria con cargo á aplicación orzamentaria do Servizo Galego de Saúde 5001.412A.44115, logo da presentación da xustificación dos gastos.

Para os efectos desta encomenda, teranse en conta os gastos das actuacións levadas a cabo desde o 1 de xaneiro de 2021.

– Prazo de vixencia: a vixencia desta encomenda estenderase dende o día seguinte ao da súa sinatura ata que se normalice a situación derivada da pandemia e sempre que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade consideren a necesidade de realizar estes servizos. En último termo, o período máximo desta encomenda será ata finais de 2021. De persistir esta situación de pandemia e de ser necesaria a realización destes servizos de atención telefónica a partir de 2022, realizarase unha nova encomenda.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade