Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 30 de xuño de 2021 Páx. 33283

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Laracha (expediente-e IN407A 2021/34-1).

Expediente-e: IN407A 2021/34-1.

Promotora: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Denominación da instalación: LMT, CT e RBT Montesclaros.

Concello: A Laracha.

Feitos:

1. O 18 de febreiro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado: LMT, CT e RBT Montesclaros.

2. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Laracha, Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e o Servizo de Montes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

3. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1) O xefe teritorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2021, do 11 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2) A lexislación que se vai aplicar neste expediente é a que a continuación se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3) As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

1. Desmontaxe dun treito da liña de media tensión aérea a CT Montesclaros (expediente.: 52.080), en condutor nu de tipo LA-30, cunha lonxitude de 155 metros.

No apoio existente nº 14-14 de tipo HV-13/1600, que xa está a facer as funcións de final de liña, realizarase o paso de aéreo a subterráneo da LMT subterránea proxectada, e instalaranse nel pararraios autoválvulas de 18 kV/10 kA.

2. Nova liña de media tensión subterránea en condutor de tipo RHZ1-12/20 kV, 3 (1×150 Al), que terá o seu inicio no paso de aéreo a subterráneo que se vai realizar no apoio nº 14-14 existente de tipo HV-13/1600 da LMT a CT Montesclaros (expte. 52.080) e finalizará no centro de transformación proxectado, polo que a lonxitude total da liña de media tensión subterránea proxectada será de 347 metros.

A liña proxectada discorrerá en gabia de dimensións 0,50 metros de largo e 1,20 metros de profundidade, canalizada no interior de tubo de polipropileno de 160 mm de diámetro, e instalarase outro tubo de similares características que o anterior a modo de reserva e un tubo de polipropileno de 125 mm de diámetro para comunicacións, polo que a lonxitude total da canalización proxectada será de 329 metros.

3. Desmontaxe do centro de transformación existente chamado Montesclaros (expte. 52.080), de tipo intemperie sobre pórtico formado por dous apoios de formigón, con transformador de 50 kVA.

4. Novo centro de transformación prefabricado de manobra interior de tipo PFU-3, que irá colocado nunha parcela con acceso desde vía pública de circulación, no cal se instalará un transformador de 50 kVA. Instalaranse dúas celas de liña (unha delas de reserva) e unha cela de protección para o transformador proxectado, todas elas con illamento en SF6.

4) No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015).

A Coruña, 7 de xuño de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña