Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31883

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección da Consellería de Sanidade, do 7 de xuño de 2021, sobre a provisión de postos de xefatura e coordinación no ámbito da atención primaria.

O Consello de Dirección da Consellería de Sanidade, na súa reunión do 7 de xuño de 2021, adoptou un acordo sobre a provisión de postos de xefatura e coordinación no ámbito da atención primaria, o cal se considera oportuno publicar para o seu xeral coñecemento.

En consecuencia, resolvo proceder á publicación do dito acordo no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

Acordo do Consello de Dirección da Consellería de Sanidade,
do 7 de xuño de 2021, sobre a provisión de postos de xefatura
e coordinación no ámbito da atención primaria

O Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, establece a libre designación como o procedemento ordinario para a provisión dos postos de xefatura e coordinación, de persoal sanitario con formación universitaria, no ámbito da atención primaria.

Entre as liñas estratéxicas de actuación desta administración sanitaria figura impulsar a autonomía na xestión dos servizos de atención primaria potenciando os postos de xefatura e coordinación e cambiando, para eses efectos, o seu sistema de provisión, de forma que, para valorar a idoneidade das persoas candidatas, se outorgue relevancia aos seus proxectos de xestión.

Sen prexuízo de calquera futura reforma da normativa vixente, procede, xa que logo, que a partir deste momento, a modo de experiencia piloto, as xerencias das áreas sanitarias poidan requirirlles ás persoas candidatas que presenten o seu proxecto de xestión; para estes efectos, serán as propias xerencias as que determinen as convocatorias en que, polas características do servizo ou unidade, estean especialmente xustificadas a presentación e a avaliación dos proxectos.

Por outro lado, a recente modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, realizada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, introduce no seu artigo 66 a figura dos plans locais de saúde como parte dunha planificación integral e do reforzo da saúde pública e comunitaria, e como un avance cara a un modelo de maior autonomía nos servizos de atención primaria e unha asistencia máis axustada ás peculiaridades da poboación e do territorio. Polo tanto, resulta conveniente que os proxectos de xestión inclúan referencias ao correspondente plan local de saúde.

Finalmente, na procura de impulsar o traballo interprofesional, conxunto e consensuado, alúdese neste acordo á posibilidade de que as xerencias impulsen procedementos para a provisión simultánea ou vinculada de postos de xefatura e coordinación, de modo que, no exercicio das súas facultades para valorar a idoneidade para o seu desempeño, teñan en conta os proxectos de xestión que sexan consensuados e coordinados.

Con base no que antecede, en exercicio das funcións atribuídas no artigo 16 do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, este consello de dirección acorda:

1. Cando estea especialmente xustificado polas características do servizo ou unidade de atención primaria, e dentro do sistema de libre designación previsto no capítulo VI do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, as xerencias das áreas sanitarias requiriranlles ás persoas candidatas que presenten un proxecto de xestión axustado aos requirimentos e contido mínimos que se establezan na convocatoria.

2. Entre os ditos requirimentos e contido mínimos deberase incluír o compromiso da persoa candidata de impulsar a elaboración dun plan local de saúde, así como a presentación dunhas bases para tal elaboración. Esas bases deberán ter en conta as orientacións metodolóxicas elaboradas pola Consellería de Sanidade.

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Documents/1398/Plan%20local%20de%20salud_DEF.pdf

3. As xerencias das áreas sanitarias poderán establecer procedementos para a provisión simultánea ou vinculada de postos de xefatura e coordinación, de tal forma que, entre os elementos para valorar a idoneidade das persoas candidatas, outorguen relevancia aos proxectos de xestión consensuados e coordinados.