Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30516

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR471C).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos e establecementos abertos ao público, conforme o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos.

A Xunta de Galicia exerce estas competencias a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de conformidade co disposto nos artigos 4 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e 32.2.c) do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Neste eido, a situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou ás autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade. Así, o Consello Interterritorial de Saúde acordou o 14 de agosto unha serie de medidas sanitarias que, o mesmo día foron declaradas como actuacións coordinadas en saúde pública polo Ministerio de Sanidade, para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Concretamente no eido do lecer nocturno, a Orde do 14 de agosto comunicada polo Ministerio de Sanidade indica que «os locais de lecer con horario maioritariamente nocturno (bares de copas, discotecas e salas de baile) constitúen actualmente a orixe dos abrochos epidémicos con maior número de casos asociados (media de 31 casos identificados por brote), pero, ademais, son os abrochos orixe dunha gran parte da transmisión comunitaria actual e de casos en varias comunidades autónomas, debido a que afectan grupos grandes de poboación, dificilmente identificables, con orixes xeográficas moi diversas e que, polas grandes dificultades de localización que xeran, impiden a aplicación temperá e eficaz das medidas de control. A pesar das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias autonómicas para restrinxir ou limitar a actividade destes locais de lecer, seguíronse rexistrando abrochos asociados a este sector da actividade. Neste senso, a propia natureza da actividade que se desenvolve no interior destes locais dificulta enormemente a implementación práctica doutras medidas como o distanciamento interpersoal».

En virtude do anterior a Consellería de Sanidade ditou a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. Na dita orde especifica que os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno permanecerán pechados. Tamén aclara o que se entende por establecementos de lecer nocturno, para os efectos exclusivamente do establecido nesa orde, que serían as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Dada a evolución favorable da situación epidemiolóxica actual, no momento da tramitación desta orde xa se están a levar a cabo diferentes actuacións cara á reapertura destes establecementos.

Para os efectos de contribuír a minimizar o impacto económico e social derivado desta medida de peche dos establecementos de lecer nocturno, procede aprobar as bases reguladoras e convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da reunión, na persoa ou entidade solicitante, dos requisitos establecidos, distribuíndo o crédito correspondente a cada tramo de xeito lineal entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos ata o esgotamento do crédito.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presente convocatoria, por outra parte, tramítase ao amparo do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal), notificado inicialmente o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior, e as súas posteriores modificacións.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez obtidos os informes pertinentes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia afectados pola paralización da súa explotación económica como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é PR471C.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas e xurídicas que exerzan a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno e resulten afectados pola paralización desta como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.

Para estes efectos, entenderanse por establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no número III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Asemade, incluiranse as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no número III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés de categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.

2. Os beneficiarios das axudas deben reunir os seguintes requisitos:

a) Que se trate dun establecemento de lecer nocturno que estivese pechado como consecuencia directa da aplicación da Orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020.

b) Que exerceran a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno en calquera momento do exercicio económico 2020 e que continúen coa explotación económica do mesmo establecemento de lecer nocturno no exercicio económico 2021, sen prexuízo de que teñan que permanecer pechados como consecuencia das disposicións sanitarias de prevención e contención da COVID-19.

c) Que non se trate de empresas ou persoas traballadoras autónomas en crise en 31 de decembro de 2019. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin teñan recibido unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

d) Que non se atopen en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e o disposto nesta orde.

Artigo 4. Subvencións concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento e outras formas como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar o 1.800.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estean en crise e/ou a empresas e autónomos que non estivesen en crise (segundo o disposto no artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) o 31 de decembro de 2019, o que se acreditará mediante declaración responsable. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin teñan recibido unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

Artigo 5. Principios de xestión e procedemento de concesión

1. A xestión dos programas de subvencións previstos nesta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. O procedemento de concesión das subvencións contidas nesta orde é o de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde distribuíndo o crédito correspondente a cada tramo de xeito lineal entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos ata o esgotamento do crédito.

3. A Subdirección Xeral de Xogo e Espectáculos Públicos, que actuará como órgano instrutor, comprobará que os solicitantes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde e formulará a proposta de concesión que elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 6. Crédito orzamentario e importe das axudas

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.25.741E.470.0 ata un importe máximo de 4.000.000 euros, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Para os efectos de determinar o importe da axuda por solicitude clasifícanse os establecementos de lecer nocturno nos seguintes tramos:

I. Establecementos cunha superficie de máis de 1.000 m².

II. Establecementos cunha superficie de entre 500 a 1.000 m².

III. Establecementos cunha superficie de entre 250 a 499 m².

IV. Establecementos cunha superficie de entre 100 e 249 m².

V. Establecementos cunha superficie de menos de 100 m².

4. O importe da axuda por solicitude distribúese de xeito lineal dentro de cada tramo entre as solicitudes que reúnan os requisitos, cos seguintes límites máximos:

I. Establecementos cunha superficie de máis de 1.000 m²: 35.000 euros de axuda por solicitude.

II. Establecementos cunha superficie de entre 500 a 1.000 m²: 30.000 euros de axuda por solicitude.

III. Establecementos cunha superficie de entre 250 a 499 m²: 20.000 euros de axuda por solicitude.

IV. Establecementos cunha superficie de entre 100 a 249 m²: 15.000 euros de axuda por solicitude.

V. Establecementos cunha superficie de menos de 100 m²: 7.500 euros de axuda por solicitude.

5. O crédito máximo que se repartirá en cada tramo é o seguinte:

I. Establecementos cunha superficie de máis de 1.000 m²: 500.000 euros.

II. Establecementos cunha superficie de entre 500 a 1.000 m²: 750.000 euros.

III. Establecementos cunha superficie de entre 250 a 499 m²: 750.000 euros.

IV. Establecementos cunha superficie de entre 100 a 249 m²: 1.000.000 euros.

V. Establecementos cunha superficie de menos de 100 m²: 1.000.000 euros.

6. Dentro de cada tramo repartirase o crédito de xeito lineal correspondendo a mesma contía a cada unha das solicitudes admitidas. Se nalgún dos tramos sobra crédito, o total repartirase proporcionalmente entre todas as solicitudes admitidas e poderá superarse o importe máximo de axuda por solicitude.

7. As axudas concederanse por cada establecemento en que se exerza a actividade de lecer nocturno e, por tanto, a persoa ou entidade beneficiaria poderá ter máis dun establecemento con pleno dereito á axuda.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Deberán encherse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido. Na solicitude vén recollida a declaración responsable da persoa solicitante de obrigada realización onde se manifeste:

a) Que vai manter a actividade do establecemento durante seis meses contados desde que a Administración autonómica permita a reapertura dos establecementos de lecer nocturno.

b) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Calquera outra axuda temporal que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da Comunicación da Comisión Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recibise e que no seu conxunto non superaron os límites establecidos no referido marco.

d) Que o establecemento cumpre os requisitos do artigo 2.2.

e) Que todos os datos da solicitude son certos.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada destas bases reguladoras.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, e que non sexan emendadas consonte o previsto no artigo 11, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

7. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do documento acreditativo de que o solicitante exercía a explotación económica do establecemento no exercicio 2020 e continúa coa dita explotación económica no exercicio 2021.

b) Copia do título habilitante do correspondente concello (licenza, comunicación previa ou declaración responsable) que acredite a condición do establecemento como de lecer nocturno.

c) Copia de calquera documento que acredite a superficie do establecemento (recibo do IBI, licenza, declaración responsable, comunicación previa, proxecto técnico, memoria técnica, informe técnico, etc.).

d) Copia da documentación acreditativa da representatividade que ostenta no suposto de tratarse de persoas xurídicas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidas electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI, ou no seu caso, NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social, certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma e certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emendas

1. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non o faceren así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá requirir ás entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. A resolución destas axudas corresponde ao director xeral de Emerxencias e Interior, por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, consonte o disposto na disposición derradeira primeira desta orde, e comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución de concesión.

3. O prazo máximo para resolver e notificar é de 15 días, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. As persoas beneficiarias disporán dun prazo máximo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deben cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, declarará por escrito calquera outra axuda temporal que, en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario, recibise.

c) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

– Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

– Incumprimento da obriga de manter a actividade durante seis meses posteriores ao momento en que se permita a apertura total do establecemento.

– Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

f) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Pagamento

1. O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude. Esta conta debe permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración concedente non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

2. O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

1. De conformidade co previsto no Marco nacional temporal, as axudas concedidas ao amparo desta orde son compatibles con calquera outra que, tendo o mesmo fin, poida ser outorgada por calquera outra entidade pública ou privada.

2. Cando a axuda concedida ao abeiro desta orde se acumule con outra axuda compatible relativa aos mesmos gastos subvencionables, outorgada pola mesma ou outra autoridade competente, conforme este mesmo réxime (Marco nacional temporal), respectaranse os importes de axuda máxima establecida na Comunicación da Comisión (C (2020) 1863) e modificacións posteriores.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 13 desta convocatoria.

Artigo 18. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do plan de rescate.

2. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá comprobar en todo momento as obrigas das persoas ou entidades beneficiarias e a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención, total ou parcial, as seguintes:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Calquera outra causa que poña de manifesto que a persoa solicitante non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

b) Nos teléfonos 981 54 64 16 e 981 54 64 99.

c) No enderezo electrónico: espectaculos.sc@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas e co Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file