Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30537

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR471C).

BDNS (Identif.): 570031.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas que exerzan a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno e resulten afectadas pola paralización desta como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia afectados pola paralización da súa explotación económica como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19. Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR471C).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns de euros (4.000.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Turismo