Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30514

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 8 de xuño de 2021 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terreo.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Terreo, con domicilio no lugar de Chao do Pousadoiro, s/n, en Ribeira de Piquín (Lugo).

Feitos:

1. O 30 de marzo de 2021, Roberto Fernández Rico, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Terreo constituíuna o Concello de Ribeira de Piquín, representado polo seu alcalde presidente Roberto Fernández Rico, mediante escritura pública outorgada na Fonsagrada (Lugo) o 8 de marzo de 2021, ante o notario Carlos Antonio Doval Grande, co número de protocolo 304.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo «a posta en valor e o aproveitamento do patrimonio, co fin de fomentar o desenvolvemento rural e impulsar a economía social local e a creación de emprego en Ribeira de Piquín e a súa contorna, contribuíndo a frear a despoboación do municipio».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Roberto Fernández Rico como presidente; Alberto Ferreiro Ferreiro como vicepresidente; e María del Pilar Tella Mazoy como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Terreo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 31 de maio de 2021

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terreo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo