Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2021 Páx. 29070

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2021, conxunta da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O artigo 27.5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma as normas procesais e procedementos administrativos que deriven da organización propia dos poderes públicos.

Pola súa banda, o artigo 6.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais disporán dun rexistro electrónico xeral de apoderamentos en que deberán inscribirse, polo menos, os de carácter xeral outorgados apud acta, presencial ou electronicamente, por quen teña a condición de persoa interesada nun procedemento administrativo a favor dun representante para actuar no seu nome ante as administracións públicas.

Neste contexto, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, creaba no seu artigo 40 o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia coas funcións que establece o artigo anterior, sinalando no artigo 119.3 que terá a consideración de utilización obrigatoria para as entidades do sector público autonómico. Igualmente, no artigo 41 crea o Rexistro autonómico en que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos coa finalidade de simplificar o trámite relativo á acreditación da representación.

O funcionamento efectivo do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia produciuse coa entrada en vigor do Decreto 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

A posta en funcionamento do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia vai en consonancia co establecido na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, moi especialmente co sinalado no seu artigo 2.1, no sentido de que a cidadanía ten dereito a que se lle garanta a prestación duns servizos públicos de calidade sobre a base da proximidade, a eficiencia, a eficacia e a transparencia, e no artigo 6, que no seu punto 1 se describe a atención á cidadanía como o conxunto de medios que o sector público autonómico pon á disposición dos cidadáns e cidadás para lles facilitar o exercicio dos seus dereitos, o cumprimento das súas obrigas e o acceso aos servizos públicos.

O capítulo II do citado decreto determinaba que no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia poderán inscribirse os poderes outorgados apud acta, presencial ou electronicamente, polas persoas físicas, xurídicas ou entidades sen personalidade xurídica que teñan a condición de persoas interesadas nun procedemento administrativo a favor de representante. Os poderes que se inscriban no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia deberán corresponder a algunha das seguintes tipoloxías:

a) Un poder xeral para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa poderdante en calquera actuación administrativa e ante calquera administración.

b) Un poder para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa poderdante en calquera actuación administrativa ante a Administración xeral da Xunta de Galicia ou ante unha entidade instrumental concreta a que lle é de aplicación o decreto.

c) Un poder para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa poderdante unicamente para a realización de determinados trámites especificados no poder.

Os apoderamentos deberán realizarse utilizando os modelos de poder que figuran como anexos I, II e III do decreto, establecidos respectivamente para cada tipoloxía de poderes inscritibles prevista nas alíneas a), b) e c), e que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Por outra banda, o artigo 10 do citado decreto estableceu que a inscrición dos apoderamentos no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia realizarase mediante actuación administrativa automatizada nos casos en que se poidan comprobar automaticamente todos os requisitos necesarios para a inscrición.

No capítulo III do Decreto 52/2021, do 18 de marzo, regúlase o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos. De acordo co sinalado no artigo 41 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, neste rexistro constarán:

a) As persoas que ocupen o cargo da alcaldía dos concellos de Galicia e a presidencia das deputacións provinciais de Galicia.

b) As persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas e das entidades vinculadas ou dependentes destas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial correspondente.

c) As persoas que ocupen a dirección dun centro educativo público autonómico, dunha delegación da Xunta de Galicia no exterior, das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia ou dun centro de investigación ou tecnolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) As persoas representantes das entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Sempre que sexa posible, a inscrición de oficio realizarase automaticamente a través de mecanismos de interoperabilidade cos rexistros ou sistemas que manteñan a información da titularidade.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se for o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito de sistemas de información do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos:

a) A inscrición dos apoderamentos no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia nos casos en que se poidan comprobar automaticamente todos os requisitos necesarios para a inscrición.

b) A emisión de certificados da información que conste no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.

c) A emisión de certificados da información que conste no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos. A emisión do certificado farase con selo de órgano da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo con base na información que conste no referido rexistro, realizada polos órganos a que se refire o artigo 19.1 do Decreto 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos, que serán os responsables da súa veracidade e actualización.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados no Rexistro.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

Beatriz Cuiña Barja

Mar Pereira Álvarez

Secretaria xeral técnica da Consellería
de Presidencia, Xustiza e Turismo

Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia