Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2021 Páx. 28862

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de maio de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do recurso de revisión contra a clasificación dos montes denominados Casal e outros, solicitados a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Budiño, concello do Porriño (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 26 de abril de 2021 adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Casal e outros, solicitados a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de San Salvador de Budiño, parroquia de San Salvador de Budiño, concello do Porriño, resultan os seguintes feitos:

Primero. O 30.6.2015 acordouse a iniciación do expediente de clasificación dos montes Casal e outros, solicitado pola CMVMC de San Salvador de Budiño, e despois de efectuar todos e cada un dos trámites preceptivos que normativamente se fixan ad hoc, ditouse resolución de clasificación favorable, do 26.3.2019, en relación con todos os predios incluídos na petición inicial, salvo as parcelas denominadas A Lagoa e Tomadiñas, por estaren xa clasificadas.

Segundo. Á hora de ditar esta resolución tívose especialmente en conta a documentación e reportaxe fotográfica presentada pola CMVMC en que se aprecia que a maioría dos predios teñen un uso social, cultural ou deportivo, construcións existentes foron emprendidas pola propia comunidade de montes, circunstancias todas estas ratificadas no informe emitido polo Servizo de Montes desta consellería.

Terceiro. O Concello do Porriño non presentou ningún tipo de alegación ao respecto da clasificación das parcelas, a pesar de ter solicitado e recibido copia do expediente de referencia, do que implícitamente podemos colixir o recoñecemento como veciñal por parte do Concello dos terreos obxecto do expediente.

Cuarto. Con data de rexistro do 3.1.2020, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso e outros presentan solicitude de revisión de oficio ao abeiro do artigo 106 e seguintes da Lei 39/2015 en relación coa resolución de clasificación do 26.3.2019. Das alegacións que se condensan no dito escrito parece colixirse que os recorrentes exercen unha sorte de «acción popular» na defensa dos bens e dereitos do Concello ante a suposta inactividade da Administración local, invocando o artigo 47.1.f) da Lei 39/2015, ao entenderen que por medio da resolución de clasificación dos montes Casal e outros, se lle outorgou a CMVMC de Budiño a titularidade dominical de centros culturais e campos de fútbol que segundo o criterio dos recorrentes son de dominio público local.

Quinto. Deste recurso deuse o debido traslado á CMVMC de Budiño que, con data do 15.6.2020, presentou unhas prolixas e fundamentadas alegacións en contra da pretendida revisión de oficio, alegacións respecto das cales se fai íntegra adhesión por entender que son plenamente conformes con dereito e coinciden coa postura mantida por este órgano.

Aos anteriores feitos resultan de aplicación as seguintes:

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para a revisión de oficio dos seus actos de conformidade co disposto no artigo 106 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. No tocante ao fondo do asunto, en primeiro lugar, consideramos que non pode acollerse á revisión de oficio instada por Manuel Alejandro Lorenzo Alonso e os outros concelleiros, pola sinxela razón de que non concorre a preceptiva lexitimación exixida a tal efecto. E neste senso, resulta sumamente ilustrativa a postura que se expón no escrito presentado pola CMVMC de Budiño á hora de citar a STS de do 31.5.2012, que igual que fan moitas outras, deixa sentado que: «(...) A estimación, pois, do interese debe ser ampla e xenerosa ao respecto do accionante do procedimento, pero sen chegar a converter a revisión nunha acción pública de nulidade, allea ao ordenamento xurídico administrativo».

E este razoamento é plenamente aplicable no presente suposto, ao entender que quen insta a revisión de oficio carece dun verdadeiro interese lexítimo ao non ter a condición de interesado. En efecto, son concelleiros do Concello do Porriño, pero non por isto se pode entender que sexan titulares dun dereito ou interese lexítimo para acadar a nulidade pretendida, razón pola cal o presente recurso de revisión debería ser inadmitido de plano.

Terceira. Dito isto, en segundo lugar, e á vista do corpo do escrito presentado para articular a revisión de oficio, chegamos á conclusión de que o que realmente se configura como obxecto de litis é unha cuestión de propiedade, totalmente allea á competencia que legalmente corresponde ao Xurado de Montes e que, en todo caso, compete á xurisdición civil.

Pero é que ademais, de todas as cuestións que detalladamente analiza a CMVMC de Budiño á hora de opoñerse a esta revisión de oficio, as cales compartimos na súa plenitude, non pode obviarse un feito fundamental, e é que o Concello do Porriño estivo informado en todo momento dos trámites seguidos no expediente de clasificación de referencia e que se lle deu cumprido trámite de audiencia, sen que formulase ningún tipo de alegación en contra da clasificación dos predios que agora se discuten.

E sendo isto así, resulta lóxico pensar que se o concello do Porriño, como Administración lexitimada e verdadeiramente interesada na titularidade deses bens, se aquietou e fixo un recoñecemento implícito no uso comunal das parcelas clasificadas, non poden agora estas persoas, pola súa mera condición de concelleiros, instar unha revisión de oficio a modo de acción popular. Se o Concello compartise os argumentos que se recollen no escrito sustentador da revisión de oficio, o normal sería que no trámite de audiencia se pronunciase ao respecto, pero como xa quedou indicado, non foi así.

Vistos os feitos mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, en especial o artigo 106 da Lei 39/2015, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

A inadmisión do recurso de revisión instado de contrario ao entender que os recorrentes carecen da preceptiva lexitimación e, así mesmo, non queda acreditada ningunha causa de nulidade xustificativa da revisión pretendida, polo que confirmarse a resolución clasificatoria en todos os seus termos.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e , 123-2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de maio de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra