Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2021 Páx. 28866

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de maio de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución de renuncia ao expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Baltar, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, do concello de Redondela (Pontevedra).

En cumprimento co disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra (en diante XPCMVMC), en sesión que tivo lugar o 26 de abril de 2021, adoptou a seguinte resolución:

Examinada a renuncia ao expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Baltar a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) do Viso, na parroquia do Viso do concello de Redondela (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 24.3.2018, Álvaro Cabaleiro Durán, en condición de presidente da CMVMC da parroquia do Viso, no concello de Redondela, presenta unha solicitude de clasificación da parcela denominada Baltar achegando a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea da Comunidade do 25.2.2018.

– Certificación catastral descritiva e gráfica da parcela cunha cabida de 650 m2 a nome da Comunidade de Montes do Viso.

– Informe de validación gráfica do 23.3.2018 no cal consta que a parcela ten unha cabida de 636 m2.

Segundo. O Servizo de Montes informa de que a planimetría presentada permite identificar a parcela e que non está clasificada en procedementos anteriores.

Terceiro. O 3.7.2018 o XPCMVMC acordou a iniciación do correspondente expediente de clasificación da parcela denominada Baltar solicitada pola CMVMC do Viso (Redondela).

Cuarto. O 15.9.2018 a CMVMC do Viso presenta diversa documentación histórica con datos sobre a parcela solicitada, entre ela a resolución de clasificación de 1980 a prol desta comunidade, do monte denominado Outeiro Grande, que está preto da parcela Baltar, a foto aérea catastral de 1956 e o plano do proxecto do PXOM de Redondela na parroquia do Viso, que recolle esta parcela a nome da CMVMC do Viso.

Quinto. O 10.10.2018 o Servizo de Montes emite informe preceptivo sobre o terreo do que solicita a clasificación, no cal se recolle que a metade da extensión está ocupada por monte raso e a outra metade por uso forestal de carballo, eucalipto e piñeiro do país. Tamén informa de que coa planimetría presentada a parcela coincide en boa parte coa parcela C do Monte da Mina clasificada a prol da CMVMC de Cesantes, do mesmo concello.

Sexto. O 16.1.2019 o Xurado de Montes solicita á CMVMC do Viso a relación nominal de estremeiros da parcela.

Sétimo. O 19.1.2019 a CMVMC do Viso presenta relación de estremeiros na certificación catastral descritiva e gráfica e certificación do secretario da Comunidade de que a parcela solicitada estrema por todos os ventos con terreos do Concello.

Oitavo. O 1.3.2019 solicítase información sobre esta parcela ao Rexistro da Propiedade de Redondela, que certifica con data do 21.3.2019 que co nome de Baltar aparecen anotadas catro leiras, tres delas a labradío, viña e horta (unha delas mesmo cunha vivenda), a nome de propietarios particulares; e a cuarta é un monte veciñal en man común de 128 ha clasificado en 1980 a nome da Comunidade de Montes do Viso.

Noveno. O 19.6.2019, ábrese trámite de audiencia, comunicado á Comunidade de Montes e ao Concello, así como a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Redondela.

Décimo. O 22.6.2019, o presidente da CMVMC do Viso presenta un escrito de renuncia a proseguir co procedemento de clasificación por ter coñecemento de que a parcela denominada Baltar xa está clasificada a prol da CMVMC de Cesantes, do mesmo concello de Redondela.

Décimo primeiro. O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio do XPCMVMC sobre a iniciación deste expediente.

Décimo segundo. O 7.8.2019 o Concello de Redondela presenta certificación acreditativa da exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello da iniciación do expediente de clasificación.

Décimo terceiro. Vista a documentación que figura no expediente, a parcela obxecto deste correspóndese coa seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: O Viso.

Nome do monte: Baltar.

Cabida: 650 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36045A0048008040000WD.

Estremas:

Norte: estrada asfaltada chamada Camiño da Tomada.

Sur: intersección entre un muro de propiedades particulares e unha estrada asfaltada.

Leste: estrada asfaltada chamada Subida ao Cruceiro.

Oeste: predios particulares delimitados por un muro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceira. O escrito presentado pola CMVMC do Viso renunciando á clasificación interrompe o procedemento. Segundo información facilitada polo presidente da entidade, a renuncia vén motivada pola constatación de que a parcela sobre a cal se incoa o expediente está situada na estrema coa parroquia de Cesantes e xa está clasificada a nome da Comunidade de Montes desa parroquia, ademais de ser de reducido tamaño.

Cuarta. A renuncia aos seus dereitos formulada pola CMVMC do Viso, está recollida no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Constatado que o procedemento non foi iniciado por petición doutros interesados nin se presentaron nel terceiros interesados, en aplicación do artigo 84 da devandita Lei 39/2015, cómpre declarar a terminación do procedemento.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Declarar a terminación do procedemento por renuncia da CMVMC do Viso co conseguinte arquivamento do expediente de clasificación.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de maio de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra