Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 1 de xuño de 2021 Páx. 27080

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (303/2021 MRA).

Na Coruña, trinta de abril de dous mil vinte e un.

Logo de ver e deliberar as presentes actuacións, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Social, de acordo co prevido no artigo 117.1 da Constitución española, en nome de s.m. o rei e pola autoridade que lle confire o pobo español, ditou a seguinte

«Sentenza

No recurso de suplicacion 303/2021, formalizado polo graduado social Bruno Fernández Garrido, en nome e representación de Iria Selas Valverde, contra a Sentenza número 343/2020 ditada polo Xulgado do Social número 1 da Coruña no procedemento despido/cesamentos en xeral 1023/2019, seguidos por instancia de Iria Selas Valverde fronte a Fogasa, Tocaloco, S.L., sendo maxistrada-relatora Rosa María Rodríguez Rodríguez.

Das actuacións dedúcense os seguintes:

Antecedentes de feito

Primeiro. Iria Selas Valverde presentou demanda contra Fogasa, Tocaloco, S.L., sendo quendada para o seu coñecemento e axuizamento o sinalado xulgado do social, o cal, ditou Sentenza número 343/2020, de data vinte e seis de outubro de dous mil vinte.

Segundo. Na sentenza recorrida en suplicación consignáronse os seguintes feitos expresamente declarados probados:

Primeiro. Iria Selas Valverde, con DNI 48110600-M, prestou servizos retribuídos baixo a dependencia de Tocaloco, S.L. cunha antigüidade de 10.6.2019, con categoría profesional de encargada e salario bruto mensual de 1.156,56 euros con inclusión de prorrata de pagas extras. A súa xornada era a tempo parcial de 30 horas semanais./Segundo. A empresa comunicou á demandante carta de despedimento disciplinario datada o 19.11.2019, cuxo contido se dá por reproducido, en que se notificaba a decisión da empresa de proceder á extinción do contrato con efectos desde o día 1.11.2019, como consecuencia do incumprimento grave e culpable das súas obrigacións, aplicándolle o despedimento disciplinario con base no punto b) do mencionado artigo “por indisciplina e desobediencia no traballo”, no punto d) “a transgresión da boa fe contractual, así como o abuso de confianza no desempeño do traballo” e no punto e) “pola diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado”./Terceiro. A demandante iniciou un proceso de incapacidade temporal o día 21.10.2019./Cuarto. A demandante promoveu acto de conciliación ante o servizo de conciliacións correspondente en data 26.11.2019, que se celebrou o 13.12.2019 co resultado de tentado sen efecto.

Terceiro. Na sentenza recorrida en suplicación emitiuse a seguinte decisión ou parte dispositiva: que, estimando a demanda presentada por Iria Selas Valverde fronte a Tocaloco, S.L. e ao Fondo de Garantía Salarial, debo declarar e declaro improcedente o despedimento con data de efectos do 19.11.2019, condenando a empresa demandada a optar entre: 1) a readmisión da parte demandante nas mesmas condicións ás que rexían con anterioridade ao despedimento, con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento, 19.11.2019, ata a notificación da presente sentenza ou ata que atopase outro emprego, se tal colocación fose anterior a esta sentenza, e probase o empresario o percibido, de acordo co salario regulador diario de 38,02 euros; 2) ou a aboarlle unha indemnización por despedimento improcedente que supón un total de 627,39 euros. Debo absolver e absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade conforme ao artigo 33 do ET.

Cuarto. Fronte á dita sentenza anunciouse recurso de suplicación por Iria Selas Valverde formalizándoo posteriormente. Tal recurso non foi obxecto de impugnación pola contraparte.

Quinto. Elevados polo xulgado do social de referencia os autos principais, a esta sala do social, tiveron estes entrada neste Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Sala do Social en data 28.1.2021.

Sexto. Admitido a trámite o recurso sinalouse o día 30.4.2021 para os actos de votación e decisión.

Á vista dos anteriores antecedentes de feito, esta sección formula os seguintes,

Fundamentos de dereito

Único. A sentenza de instancia estima parcialmente a demanda, declara a improcedencia do despedimento con data de efectos do 19.11.2019, condenando a empresa demandada a optar entre a readmisión e aos seus efectos ou á indemnización de 627,39 €.

Fronte a ela a demandante interpón recurso de suplicación e ao abeiro do artigo 193.a) da Lei 36/2011, do 10 de outubro, denuncia a infracción dos artigos 94.2 e 97 da citada Lei procesual, do artigo 217 e 218.2 da Lei de azuizamento civil, do artigo 248.3 da Lei orgánica do poder xudicial e dos artigos 24 e 120.3 da Constitución, por entender que ante a fundamentación da falta de proba que entendeu o xulgador sobre a antigüidade, e que declarou con apoio no último dos contratos a do 10.6.2019, mentres que a traballadora alegaba no feito primeiro da demanda a antigüidade 20.6.2014, non é correcta e debeu admitir e ter por acreditados os feitos da demanda que non estivesen contraditos pola dita documental e telos como certos ante a incomparecencia da parte demandada. Ao ter como certos o feito da relación laboral e despedimento, pero non aplicando a mesma doutrina da ficta confessio aos demais elementos fundamentais como é a antigüidade na prestación da relación laboral, que vai determinar o importe da indemnización que lle corresponda á traballadora, cáusalle indefensión; e suplica a indemnización de 8.050,74 €.

Debe sinalarse, en primeiro lugar, a deficiente construción do recurso, pois a parte invoca que se produciu indefensión e en coherencia coa tramitación do recurso ao abeiro do artigo 193.a) da Lei reguladora da xurisdición social, destinado a repoñer os autos ao estado no que se atopaban no momento de cometerse unha infracción de normas ou garantías do procedemento que producise indefensión, interesa, no suplicado do recurso, que estimando o recurso de suplicación, se revogue o pronunciamento da decisión que establece a indemnización por despedimento e se fixe o importe desta na cantidade de 8.050,74 €, resultante da antigüidade de data 20.6.2014; sen denuncia de infracción xurídica ningunha, nin petición de nulidade de actuacións.

En todo caso, procedemos ao exame da súa denuncia, que non admitimos, primeiro, porque a valoración da proba é competencia exclusiva do xuíz de instancia e por iso non se infrinxe o artigo 97, nin o 94.2 da Lei reguladora da xurisdicción social xa que a sentenza tivo en conta e valorou toda a proba e fundamentou suficientemente o porque da devandita valoración. A doutrina constitucional (STC 44/1989, do 20 de febreiro [RTC 1989\44]) reiteradamente sinalou, por ser facultade que pertence á potestade xurisdicional, que corresponde en exclusiva aos xuíces e tribunais ponderar os distintos elementos de proba e valorar o seu significado e transcendencia para a fundamentación da decisión contida na sentenza. E esta liberdade do órgano xudicial para a libre valoración da proba, implica, como tamén sinala a mesma doutrina (STC 175/1985, do 17 de decembro [RTC 1985\175]) que poida realizar inferencias lóxicas da actividade probatoria levada a cabo, sempre que non sexan arbitrarias, irracionais ou absurdas. E o xuíz ou tribunal de instancia é soberano para a apreciación da proba, con tal de que esa libre apreciación sexa razoada, exixencia que puxo de manifesto a propia doutrina constitucional (STC 24/1990, do 15 de febreiro [RTC 1990\24]), o cal quere dicir que a resolución xudicial ha de conter o razoamento sobre as conclusións de feito, co fin de que as partes poidan coñecer o proceso de dedución lóxica do xuízo fáctico seguido polo órgano xudicial. A vixente Lei reguladora da xurisdición social recolleu expresamente esta doutrina no seu artigo 97.2, ao dispoñer que a sentenza, apreciando os elementos de convicción, haberá de declarar expresamente os feitos que estime probados, facendo referencia aos fundamentos de dereito «aos razoamentos que o levaron a esta conclusión».

E no presente caso, tendo conta das alegacións de feito efectuadas pola demandante e as probas practicadas, a maxistrada de instancia realizou unha declaración de feitos probados e con base neles na fundamentación xurídica razoa e resolve a cuestión de fondo e no devandito proceso lóxico non hai vulneración ningunha dos preceptos denunciados como infrinxidos.

E segundo, en canto á infracción alegada en relación a norma procesuais (artigo 2017 e 218 da LAC) que non substantivas, habemos de lembrar, como xa indicou outras veces esta sala (STSX de Galicia do 30 de setembro de 2004, rec. 854/2002, 17 de xuño de 2004, recs. 223/2002, 19 de novembro de 2004, rec. 4765/2004), que a actual doutrina xurisprudencial é unánime á hora de negar a posibilidade de que en trámite do presente recurso se poida alegar a infracción do artigo 217, xa que non contén ningunha norma sobre valoración da proba, senón simplemente regula a distribución da súa carga. Non se trata, por iso, de que se infrinxiu ou inaplicou tal precepto, senón de se o xulgador de instancia apreciou as probas conforme o que prevén o artigo 97.2 da LRJXS, para cuxo caso debería de apoiarse nalgunha revisión a que se refire o artigo 193.b) da LRXS. A doutrina dos tribunales tan só admite unha excepción, e é a de que a indicada norma sobre o onus probandi fose o único apoio positivo utilizado na sentenza impugnada para fundamentar o sentido da parte dispositiva, atribuíndo aquela carga a quen non correspondía a obriga de soportala, o que non ocorre no caso de autos, debido a que é á demandante a quen lle corresponde probar, como feito constitutivo da súa pretensión, a existencia do despedimento e circunstancias da relación laboral, circunstancias que a sentenza considera acreditadas coa documental achegada.

Iso implica, atendendo á especial natureza do recurso de suplicación, que o Tribunal Superior non pode efectuar unha nova ponderación da proba senón realizar un control da legalidade da sentenza recorrida na medida que lle sexa pedido e só de excepcional maneira pode facer uso da facultade de revisar as conclusións fácticas con base no concreto documento auténtico ou proba pericial que constando en autos patentice de maneira clara, evidente e directa, de forma contundente e incuestionable e sen necesidade de acudir a hipóteses, conxecturas, suposicións ou argumentacións máis ou menos lóxicas, naturais ou razoables, o erro daquel xulgador cuxa facultade de apreciación non pode ser desvirtuada por valoracións distintas ou conclusións diversas de parte interesada; pero a recorrente non pretende a revisión dos feitos probados, nin sinala documento ou pericia que permita concluír o erro da maxistrada de instancia, senón que se limita a facer a súa propia e subxectiva valoración da proba.

Por tanto, non podemos tachar de errónea a valoración probatoria realizada porque se decidise primar a proba documental, fronte á posibilidade de ter por confesa a empresa que non comparece ao acto do xuízo oral, cando ademais é facultade do maxistrado de instancia, ter ou non por confesa a parte que non comparece ou refusa declarar.

En segundo lugar, non hai infracción do artigo 218 da Lei de axuizamento civil, lexislación citada LAC, artigo 218, que establece que: “As sentenzas deben ser claras, precisas e congruentes coas demandas e coas demais pretensións das partes, deducidas oportunamente no preito. Farán as declaracións que aquelas exixan, condenando ou absolvendo o demandado e decidindo todos os puntos litixiosos que fosen obxecto de debate”. A congruencia vén referida, desde un punto de vista procesual, ao deber de decidir por parte dos órganos xudiciais resolvendo os litixios que á súa consideración se sometan, exixindo que o órgano xudicial ofreza resposta ás distintas pretensións formuladas polas partes ao longo do proceso, a todas elas, pero só a elas, evitando que se produza un “desaxuste entre a decisión xudicial e os termos en que as partes formularon as súas pretensións, concedendo máis ou menos ou cousa distinta do pedido”. Pola súa banda, o Tribunal Constitucional, en diversas sentenzas, sendo fiel reflexo destas a do 15.4.1996, estableceu que: “É doutrina reiterada deste tribunal que a incongruencia das decisións xudiciais, entendida como unha discordancia manifesta entre o que solicitan as partes e o que se outorga naquelas, concedendo máis, menos ou cousa distinta do pedido, pode chegar a vulnerar o dereito á tutela xudicial recoñecido no artigo 24.1 da Constitución española, lexislación citada, CE artigo 24.1, tanto por non satisfacer tal pronunciamento a elemental exixencia da tutela xudicial que é a de obter unha sentenza fundada sobre o fondo do asunto sometido ao órgano xudicial, como por provocar indefensión, xa que a incongruencia supón, ao alterar os termos do debate procesual, defraudar o principio de contradición”.

Situación que tampouco concorre neste caso porque o xuíz de instancia resolveu sobre a acción de despedimento pretensión da parte demandante, aínda que non accedese a todas as súas pretensións.

E por último, sinalar que o recurso de suplicación é un recurso extraordinario que só cabe por uns motivos taxados e que impón o cumprimento das formalidades legais a que se refiren os artigos 193 e 196 da LRXS, do mesmo xeito que sucedía cos hoxe derrogados artigos 191 e 194 da anterior Lei de procedemento laboral. E a recorrente non fai denuncia xurídica que nos permita resolver de fondo porque o recurso non cumpre coas exixencias que impón o artigo 196.2 da LRXS, xa que non contén motivo de infracción xurídica, nin cita das normas do ordenamento xurídico ou a xurisprudencia que se consideren infrinxidas, en consecuencia,

Decidimos:

Que procede a desestimación do recurso de suplicación interposto por Iria Selas Valverde, contra a Sentenza de data do 26.10.2020 ditada polo Xulgado do Social número 1 da Coruña no procedemento nº 1023/2019 sobre despedimento, e debemos confirmar e confirmamos integramente a resolución recorrida.

Incorpórese o orixinal desta sentenza, pola súa orde, ao libro de sentenzas desta T.S.X. de Galicia, Sala do Social.

Modo de impugnación: faise saber ás partes que contra esta sentenza cabe interpoñer recurso de casación para unificación de doutrina que se debe preparar mediante escrito presentado ante esta sala dentro do improrrogable prazo de dez días hábiles inmediatos seguintes á data de notificación da sentenza. Se o recorrente non tivese a condición de traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social deberá efectuar:

– O depósito de 600 € na conta de 16 díxitos desta sala, aberta no Banco de Santander (Banesto) co nº 1552 0000 37 seguida de catro díxitos correspondentes ao número do recurso e dous díxitos do ano deste.

– Así mesmo, se hai cantidade de condena deberá consignala na mesma conta, pero co código 80 no canto do 37 ou ben presentar aval bancario solidario en forma.

– Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria desde unha conta aberta en calquera entidade bancaria distinta, haberá que emitila á conta de vinte díxitos 0049 3569 92 0005001274 e facer constar no campo “Observacións ou Concepto da transferencia” os 16 díxitos que corresponden ao procedemento (1552 0000 80 ou 37 **** ++).

Así, por esta a nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».