Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 24 de maio de 2021 Páx. 25547

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 5 de maio de 2021 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos (Pontevedra).

Mediante a Orde do 20 de febreiro de 2019, modificouse a autorización do centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos, quedando configurado para impartir as ensinanzas de nursery (3 a 4 anos de idade) ata o curso year 11 (15 a 16 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.

A titularidade do centro solicita a autorización para ampliar as ensinanzas e achega un certificado de acreditación do British Council en que consta que o centro reúne os requisitos do artigo 5.1 do Real decreto 806/1993, de 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, para ser inscrito como colexio británico para impartir ensinanzas a alumnado desde nursery (3 a 4 anos de idade) a year 13 (de 17 a 18 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización

Autorizar o centro privado estranxeiro O Castro International School, código 36024835, para impartir as ensinanzas a alumnado desde nursery (3 a 4 anos de idade) ata year 13 (de 17 a 18 anos de idade), para un total de 1.112 postos escolares, do currículo nacional de Inglaterra.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da acreditación

A acreditación do centro ten validez ata o 29 de novembro de 2023, conforme co certificado de acreditación emitido polo British Council.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade