Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 15 de abril de 2021 Páx. 19472

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Outes

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle de tanatorio en Outes.

O Pleno do Concello de Outes (A Coruña) adoptou na sesión ordinaria realizada o 25 de febreiro de 2021 o seguinte

ACORDO

Primeiro. Desestimar a alegación presenda por L.S.M., con rexistro de entrada no Concello número 2020-E-RC-2132. O motivo da dita desestimación fundaméntase no informe sobre ela emitido por José Isidro López Yáñez, arquitecto, que se transcribe a seguir:

«Informe da alegación:

Primeiro. Non resulta necesario desenvolvemento do solo urbano non consolidado para poder ser dedicado a aparcadoiro. Segundo o previsto no artigo 2.2.14 do PXOM e 89 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), sería un uso permitido con carácter provisional.

Desde este punto de vista non se considera necesario levar a cabo o desenvolvemento do solo urbano non consolidado nin as tramitacións dos instrumentos de desenvolvemento, para podelo destinar a aparcadoiro.

Ademais, desde esta formulación de provisionalidade non resulta incompatible co desenvolvemento posterior do solo urbano non consolidado. Tampouco implicaría a aparición automática dunha medianeira vista, posto que a actividade podería cesar cando se desenvolva o referido solo.

Segundo. Ao tratarse de usos provisionais tampouco resultan incompatibles coa execución de vivendas protexidas no momento en que se execute o solo urbano non consolidado.

Non se terán que xustificar os parámetros edificatorios do solo urbano non consolidado por non tratarse dunha actuación permanente.

Terceiro. Independentemente de que a parcela de solo urbano non consolidado poida ser destinada a aparcadoiro, como uso provisional, a previsión de aparcadoiros indicada no artigo 6.8.10. do PXOM debe xustificarse con carácter permanente polos modos indicados neste artigo.

Cuarto. Segundo o previsto no artigo 79 da LSG, non lle corresponde ao estudo de detalle a xustificación da existencia da totalidade dos servizos urbanísticos, os cales se presumen con base na clasificación e cualificación outorgada polo PXOM. No proxecto de edificación deberá avaliarse a existencia destes servizos e, se for necesario, prever as actuacións necesarias de acordo co previsto no artigo 20.b) da LSG.

Proposta de resolución:

Visto o anterior, proponse desestimar a alegación presentada, con excepción do indicado no punto terceiro, e deberá xustificar o promotor da actuación o previsto no artigo 6.8.10 de maneira permanente e non provisional».

Segundo. Estimar parcialmente as alegacións no seu punto segundo (no tocante á dotación de aparcadoiro en solo urbano non consolidado), presentadas polos seguintes alegantes:

R.M.B.O.

Rexistro de entrada: 2020-E-RC-2120

A.X.N.F.

Rexistro de entrada: 2020-E-RC-2165

A.N.F.

Rexistro de entrada: 2020-E-RC-2145

M.E.F.D.

Rexistro de entrada: 2020-E-RC-2121

A motivación da estimación baséase no informe emitido por José Isidro López Yáñez, arquitecto, que se transcribe a seguir:

«Segundo. A previsión de aparcadoiros provisionais en parcelas de solo urbano non consolidado está recollida no artigo 2.2.14 do PXOM e 89 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Esta actuación non inviabilizará a execución posterior do solo urbano non consolidado.

Porén, independentemente de que a parcela de solo urbano non consolidado poida ser destinada a aparcadoiro, como uso provisional, a previsión de aparcadoiros indicada no artigo 6.8.10 do PXOM debe xustificarse con carácter permanente polos modos indicados neste artigo.

Proposta de resolución:

Visto o anterior, proponse desestimar a alegación presentada, con excepción do indicado no punto segundo, e deberá xustificar o promotor da actuación o previsto no artigo 6.8.10 do PXOM de maneira permanente e non provisional».

Terceiro. Desestimar as restantes alegacións formuladas polos alegantes do punto segundo anterior. O fundamento da dita destimación baséase no informe que consta no expediente, emitido polo arquitecto José Isidro López Yáñez, que se trancribe a seguir:

«Informe da alegación:

Primeiro:

Sobre a definición de uso dotacional que figura no número 5.7.1 do PXOM. O uso dotacional ten por finalidade, entre outras, a provisión de equipamento que faga posible a saúde, cuestión esta intimamente relacionada cos tanatorios.

No artigo 5.7.5 inclúense os tanatorios como equipamento sanitario-asistencial. A redacción dada polo PXOM non resulta incompatible co previsto nin no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, nin no Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia.

Por outra banda, na alegación presentada alúdese en todo caso á excepcionalidade da tramitación do estudo de detalle. Segundo o previsto no artigo 8.2.5 do PXOM, a tramitación do estudo de detalle non é unha excepcionalidade senón un procedemento ordinario para a execución dun equipamento en edificio exclusivo.

Desde este punto de vista non se considera necesario nin xustificar o interese público nin a excepcionalidade, nin a necesidade.

Por outra banda, esta xustificación tamén excedería a finalidade prevista para os estudos de detalle no artigo 79 da Lei 2/2016, do solo de Galicia. A alegación pretende que o estudo de detalle incorpore documentacións e xustificacións que non lle son propias.

Polo que respecta a que non pode considerarse equipamento por tratarse dunha actividade privada, cómpre lembrar o disposto no artigo 112 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Proposta de resolución:

Visto o anterior, proponse desestimar a alegación presentada, con excepción do indicado no punto segundo, e deberá xustificar o promotor da actuación o previsto no artigo 6.8.10 do PXOM de maneira permanente e non provisional».

Cuarto. A aprobación definitiva por parte do Pleno do Concello do estudo de detalle correspondente á parcela destinada a tanatorio situada nas rúas Otero Pedraio esquina rúa Curros Enríquez (referencia catastral 15063P50407465), de conformidade co artigo 22.2.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, que outorga a este órgano municipal a competencia para a aprobación, que poña fin á tramitación municipal, dos instrumentos de ordenación previstos na lexislación urbanística.

Quinto. Notificarlles aos interesados o acordo adoptado no Pleno.

Sexto. Publicar o acordo de aprobación definitiva, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, e o texto dos documentos que integran o estudo detalle, así como os planos deste no Boletín Oficial da provincia.

Sétimo. Comunicar a acordo de aprobación definitiva á consellería competente en materia de urbanismo e dar traslado deste para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, no prazo dun mes desde a data de aprobación municipal.

Outes, 22 de marzo de 2021

Manuel González López
Alcalde