Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2021 Páx. 16876

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 12 de marzo de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, establece no seu artigo 33.1 que o persoal dos servizos de inspección do transporte terrestre terá, no exercicio das súas funcións, a consideración de autoridade.

Así mesmo, o artigo 33.2 da antedita lei establece que os feitos constatados polo persoal referido no artigo 33.1 desa lei terán valor probatorio cando se formalicen en documento público, observando os requisitos legais pertinentes, sen prexuízo das probas que en defensa dos seus respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os propios administrados.

En similares termos recóllese no artigo 57 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, mediante a presente orde realízase a habilitación para o emprego da sinatura dixital con pseudónimo do colectivo de persoal laboral previsto no anexo II-A do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia no grupo III, categoría 49, de axentes auxiliares de inspección do transporte, así como persoal habilitado temporalmente para o exercicio das funcións correspondentes a estes, de acordo co previsto no artigo 1.2 da Orde do 23 de abril de 2007 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal de inspección do transporte terrestre, dependente da consellería con competencias en materia de transporte, no exercicio das funcións en que teñan a consideración de axentes de autoridade ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal a que fai referencia o artigo 2, por concorreren circunstancias que aconsellen adoptar esta medida.

Así mesmo, a habilitación esténdese ao persoal que, eventualmente, se integre na escala de axentes de inspección, especialidade de mobilidade, prevista na disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, de acordo co procedemento recollido na disposición transitoria primeira da devandita lei, en canto que desempeñe un posto ao cal corresponda o exercicio das funcións propias desa escala.

A pseudonimización da súa sinatura constitúe unha medida necesaria e eficaz para a protección dos axentes no exercicio das súas funcións, evitando eventuais inxerencias no ámbito persoal do referido persoal empregado público. Pola súa vez, esta protección serve ao interese público en que as funcións dos axentes en exercicio da súa condicións de autoridade poidan ser desenvolvidas con maior eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar un determinado colectivo de empregados públicos, dependente da consellería competente en materia de transportes, para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Colectivo de empregados públicos da consellería competente en materia de transportes a que se habilita para o uso do certificado dixital con pseudónimo

A consellería competente en materia de transportes habilita para o uso do certificado dixital con pseudónimo o seguinte colectivo de empregados públicos:

Persoal laboral previsto no anexo II-A do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia no grupo III, categoría 49, axentes auxiliares de inspección do transporte, así como persoal habilitado temporalmente para o exercicio das funcións correspondentes a estes, de acordo co previsto no artigo 1.2 da Orde do 23 de abril de 2007 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal de inspección do transporte terrestre, dependentes da consellería competente en materia de transporte terrestre.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control levadas a cabo co fin de garantir o cumprimento das normas reguladoras do transporte terrestre e das actividades complementarias e auxiliares deste, do transporte marítimo en augas interiores e demais normas de transportes en cuxo ámbito exerzan as súas funcións, así como no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal a que fai referencia o artigo 2, por concorreren circunstancias que aconsellen adoptar desta medida.

Disposición transitoria única

O ámbito de aplicación desta orde previsto no artigo 2 estenderase ao persoal que se integre na escala de axentes de inspección, especialidade de mobilidade, prevista na disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, de acordo co procedemento recollido na disposición transitoria primeira da devandita lei, en canto que desempeñe funcións propias desa escala.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade