Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2021 Páx. 17104

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 23 de marzo de 2021, da Área de Planificación e Proxectos, para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, así como o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1.

Con data do 16 de febreiro de 2021, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), visto o informe das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. A Axencia Galega de Infraestruturas elaborou, con base na Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, o documento Estratexia para o fomento da mobilidade sustentable na comarca de Ourense e concellos limítrofes, con clave OU/17/034.06.

Segundo. No DOG número 65, do 4 de abril de 2018, publicouse o Anuncio do 21 de marzo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, pp.qq. 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública formularon alegacións as persoas interesadas. A todas elas se lles deu resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido á información pública:

1. O itinerario da senda pasa a ser de uso exclusivo peonil.

2. Executaranse zonas de aparcamento ao longo do trazado da senda.

3. Incluíranse zonas de paraxes de autobús cos seus refuxios correspondentes, para o que se actuará en zonas puntuais na marxe esquerda da estrada OU-402, para adaptar as ditas zonas de paraxe de autobús.

4. Modificarase o deseño do pavimento e da sección transversal da senda nos primeiros 30 m do trazado, para dar cumprimento aos condicionantes estipulados no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a autorización da intervención.

Tendo en conta os cambios realizados no proxecto construtivo orixinal como consecuencia da información pública, a expropiación necesaria para executar as obras previstas incrementou o número de parcelas afectadas. Inclúese a seguir unha táboa actualizada coas novas expropiacións:

Ref. catastral

Propietario

Sup. (m2)

Clase

Uso do solo

Bens afectados

1594601NG9819S0001BF

Formoso Álvarez, María Lourdes

119

UR

Residencial

Muro de fábrica para valado de parcela: 37,20 m

0995506NG9809N0001ZW

Muñoz Vázquez, Roberto José

Muñoz Vázquez, José Miguel

47

RU

Agrario

Muro de fábrica para valado de parcela: 24,60 m

Porta de acceso a parcela metálica: 2 ud.

Coa finalidade de facilitar a execución das actuacións proxectadas, o proxecto inicial do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, pp.qq. 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, segrégase en dous proxectos construtivos, cada un dos cales recolle cada unha das sendas consideradas mantendo o trazado sometido a información pública e considerando as modificacións anteriores. Estes proxectos son:

• Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza, pp.qq. 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1, que recolle o itinerario peonil da estrada OU-402.

• Fomento da mobilidade sustentable. Senda na beira do Miño (Termas de Outariz), de clave OU/19/135.06.2, que recolle a senda na marxe dereita do río Miño.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que, no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

Cuarto. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento do Concello de Ourense que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, pp.qq. 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza, pp.qq. 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1, que recolle o itinerario peonil da estrada OU-402, nos termos indicados no fundamento de dereito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos