Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2021 Páx. 17100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2021, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-551, treito A Moureira-Palmás, puntos quilométricos 29+450-30+900, de clave PO/16/268.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 8 de marzo de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-551, treito A Moureira-Palmás, puntos quilométricos 29+450-30+900, de clave PO/16/268.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 2 de febreiro de 2017, a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou a Estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca do Morrazo e concellos limítrofes, onde unha das sendas propostas é un itinerario peonil e ciclista na PO-551, que se desenvolveu mediante o proxecto construtivo do itinerario peonil e ciclista na PO-551, treito A Moureira-Palmás, pp.qq. 29+450-30+900, de clave PO/16/268.06.

Segundo. No DOG número 65, do 4 de abril de 2018, publicouse o Anuncio de 23 de maio de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o citado proxecto para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública formularon alegacións as persoas interesadas. A todas elas se lles deu resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lles foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia encóntrase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de septiembre).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

– Para facilitar a mobilidade dos peóns que acceden á estrada desde a parte baixa do núcleo de Meira, e en atención á solicitude realizada polo Concello de Moaña, adiantarase o inicio da senda. Esta comezará no p.q. 29+220 da PO-551 en vez de no p.q. 29+520. Para iso, será necesario expropiar parcialmente 5 predios existentes no actual noiro da estrada nese tramo. A referencia catastral e a relación de propietarios destes predios é a seguinte:

Referencia catastral

Propietario (datos do Catastro)

Superficie (localización)

36029A06800025

En investigación, art. 47 da Lei 33/2003

143,00 m2 (noiro, entre a plataforma da PO-551 e o acceso pavimentado)

36029A06806005

Rodríguez Rodríguez, Feliciano

55,28 m2 (noiro, entre a plataforma da PO-551 e o acceso pavimentado)

36029A06800031

Fernández Fernández, Rosa María

220,07 m2 (entre a plataforma da PO-551 e a sebe existente)

36029A06800032

Pena Rodríguez, Antonio

29,53 m2 (noiro da PO-551)

36029A06801006

En investigación, art. 47 da Lei 33/2003

299,41 m2 (noiro, entre a PO-551 e a vía existente baixo a PO-551)

– No p.q. 30+500 procederase á roza do terreo polo que discorría a antiga estrada.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que, no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puidesen aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase: «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

Cuarto. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento do Concello de Moaña que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-551, treito A Moureira-Palmás, p.q 29+450-30+900, de clave PO/16/268.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-551, treito A Moureira-Palmás, p.q 29+450-30+900, de clave PO/16/268.06, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. O Concello de Moaña deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos