Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16731

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (DSP 268/2020).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 268/2020 deste xulgado do social, seguido por instancia de Ariadna Liñares Couselo contra a empresa María Carmen Beatriz Quintáns Rego e contra Think & Imagine, S.L., sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

«Resolvo:

Que, aceptando parcialmente a demanda interposta por Ariadna Liñares Couselo contra Think & Imagine, S.L. e contra María Carmen Beatriz Quintáns Rego, efectúo os pronunciamentos seguintes:

1. Debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento da demandante efectuado pola mercantil Think & Imagine, S.L. con data de efectos do 19.4.2020 e, en consecuencia, debo condenar e condeno a Think & Imagine, S.L. a estar e pasar pola devandita declaración, e a que readmita inmediatamente a traballadora demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, co aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a data da efectiva readmisión a razón de 30,74 euros diarios, ou ben, á elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante dunha indemnización de 5.410,13 euros por despedimento improcedente.

A opción pola empresa entre a readmisión da traballadora e a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Unha vez transcorrido ese prazo sen que o empresario optase, entenderase que procede á readmisión.

2. Debo condenar e condeno a Think & Imagine, S.L. ao aboamento das custas procesuais do presente procedemento, con inclusión dos honorarios da letrada da parte demandante polo importe de 300 euros.

3. Debo absolver e absolvo a María del Carmen Beatriz Quintáns Rego das peticións deducidas na súa contra.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución facéndolles saber que fronte a ela poderán interpor recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Notifíqueselles ás partes facéndolles saber que en aplicación do mandado contido no artigo 53.2 da LXS, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou os interesados e, de ser o caso, os profesionais designados, sinalarán un domicilio e os datos completos para efectuar actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin producirán plenos efectos e as notificacións neles tentadas sen efecto serán válidas mentres tanto non sexan facilitados outros datos alternativos; será carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados. Así mesmo, deberán comunicar os cambios relativos ao seu número de teléfono, fax, enderezo electrónico ou similar, sempre que estes últimos estean a ser utilizados como instrumentos de comunicación co tribunal.

A anterior resolución entregarase á letrada da Administración de xustiza para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que lle sirva de notificación en forma legal a María Carmen Beatriz Quintáns Rego e a Think & Imagine, S. L., en paradoiro ignorado, expido o presente edicto para a súa inserción no DOG.

Advírtese as destinatarias de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

A letrada da Administración de xustiza