Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2021 Páx. 15874

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 47/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Triacastela dun treito antigo da LU-633 (N-VI)-Alto do Hospital (N-540).

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Triacastela solicita o cambio de titularidade da zona de dominio público viario ocupada pola actuación de clave LU/19/184.10 e título Acondicionamento dun resto de curva da estrada antiga LU-633, punto quilométrico 28+000, situada moi preto do núcleo urbano da vila de Triacastela e na mesma traza do Camiño Francés, variante por Samos.

Polo Concello de Triacastela discorren as estradas autonómicas LU-134, LU-637. É atravesado pola estrada LU-633 Pedrafita (N-VI)-Alto do Hospital (N-540) entre os seus puntos quilométricos 17+570 e 29+130. O treito obxecto de transferencia consiste nun treito antigo da estrada LU-633, duns 122 m de lonxitude, que discorre moi próximo ao núcleo urbano de Triacastela. Trátase dun treito antigo sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Triacastela de:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

Marxe

Superficie

Treito antigo da LU-633

27+930

X=643.691
Y=4.734.895

28+030

X=643.633
Y=4.734.827

ME

1.730 m²

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Triacastela deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Triacastela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade