Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2021 Páx. 15876

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada (códigos de procedemento IF312A e IF312B).

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará cando menos unha persoa física, denominada «xestor do transporte», que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

O Real decreto 70/2019, do 15 de febreiro, polo que se modifican o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e outras normas regulamentarias en materia de formación dos condutores dos vehículos de transporte por estrada, de documentos de control en relación cos transportes por estrada, de transporte sanitario por estrada, de transporte de mercadorías perigosas e do Comité Nacional do Transporte por Estrada incorpora, entre outras, unha disposición transitoria (quinta), relativa ao réxime de obtención do certificado de competencia profesional para o transporte por estrada, que indica que o disposto nos números 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do anexo II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, non será de aplicación ata o 1 do xullo de 2020.

Por outra banda, o dito regulamento prevé expresamente que ata entón continuarán aplicándose na realización dos exames para a obtención do certificado de competencia profesional para o transporte por estrada as regras contidas nos artigos 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12 e 13 e no anexo B) da Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, de desenvolvemento do capítulo I do título II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres en materia de expedición de certificados de capacitación profesional.

En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro, na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, e na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999,

DISPOÑO:

1. Convocatoria.

Convócanse para o ano 2021 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).

2. Calendario.

a) No ano 2021 prevese a realización de dúas convocatorias; non obstante, poderase modificar tanto o número de convocatorias, reducíndoas a unha, como o calendario, en función da evolución da situación actual sanitaria derivada da COVID-19. As dúas convocatorias terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo, nos períodos abranguidos entre:

– Primeira convocatoria: entre o 17 de abril de 2021 e o 27 de xuño de 2021.

– Segunda convocatoria: entre o 2 de outubro de 2021 e o 19 de decembro de 2021.

b) As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentárense ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

3. Requisitos das persoas aspirantes.

Para poderen participar nas probas de xestor de transporte será preciso reunir os seguintes requisitos no momento de fin do prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter residencia habitual en Galicia.

Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.

– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

b) Xustificar estar previamente en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación:

– Título de Bacharel ou equivalente.

– Título de Técnico, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se atope referido.

– Título de Técnico Superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se atope referido.

– Calquera título acreditativo de ter superado unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.

4. Inscrición.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. As persoas interesadas teñen capacidade e medios suficientes para realizar a presentación electrónica.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4.1. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

a) As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal.

• Documentación que acredite que a persoa aspirante se viu obrigada a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais (por exemplo, certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo), só nos casos en que resulte preciso segundo o establecido na base segunda desta resolución.

• Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o órgano que realiza tal recoñecemento non dependa da Xunta de Galicia.

b) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

c) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución definitiva de admitidos. Esta solicitude axustarase ao modelo incorporado como anexo II desta resolución e deberá presentarse de acordo co previsto no punto 4.1, seguindo o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312B (anexo II).

4.2 Comprobación de datos.

a) Para a tramitación deste procedemento (IF312A) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Certificado de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada marque na solicitude o recadro correspondente para sinalar as circunstancias que lle sexan de aplicación:

• Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

• Inscrición como demandante de emprego.

• Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.

• Títulos oficiais non universitarios.

•Títulos oficiais universitarios.

Para a tramitación do procedemento de devolución das taxas de dereitos de exame das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte (IF312B), consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

b) No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

c) Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4.3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Prazos de presentación de solicitudes.

Para a primeira convocatoria: o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para a segunda convocatoria: desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos os días.

A falta de presentación da solicitude e a falta de pagamento da taxa que proceda en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

6. Dereitos de exame.

Para acceder a estas probas deberá aboarse a taxa que corresponda de acordo co tipo vixente no momento de facer a inscrición de acordo co que estableza a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que sexa aplicable algunha exención legal de pagamento. A taxa deberá aboarse por cada unha das modalidades de probas (mercadorías/persoas viaxeiras) a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.

O ingreso da/das taxa/s deberá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.xunta.gal/facenda), indicando para o efecto os seguintes códigos:

– Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: código: 06.

– Delegación de servizos centrais: código: 13.

– Servizo de mobilidade: código: 02.

– Denominación: inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código: 31 01 20.

7. Admisión de persoas aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisalas. Finalizado o dito proceso, exporase na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade) a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo da súa exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, de acordo co previsto no punto 4.4.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade) a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas, nos mesmos lugares e medios en que se expuxeron as relacións provisionais.

8. Desenvolvemento das probas.

O lugar, a data e a hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal e publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

Nesta publicación, o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e quen non compareza perderá o dereito a realizar a proba.

Para poder realizar as probas, as persoas aspirantes deberán presentarse provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; noutro caso, non serán admitidas á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Non se permitirá no recinto onde se realicen os exercicios o acceso e tenza de teléfonos móbiles, axendas ou calquera outro dispositivo de carácter electrónico agás, se é o caso, máquinas calculadoras sen memoria RAM. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas. O acceso e/ou permanencia na sala en que se celebre o exame con calquera dispositivo como os sinalados anteriormente, estéase ou non facendo uso del, dará lugar a que, sen máis, se expulse a persoa aspirante e se cualifique o seu exame como «non apto»; e o mesmo se fará no suposto de aspirantes que sexan descubertos copiando.

Os dous exercicios de que constan as probas terán lugar de forma sucesiva e en unidade de acto, polo que logo do inicio do exame ningún aspirante poderá abandonar o lugar de celebración ata a conclusión do segundo exercicio. Non obstante, o tribunal establecerá as condicións en que, en supostos extraordinarios debidamente xustificados, as persoas aspirantes poderán saír da sala para ir ao baño debidamente custodiadas polo persoal encargado de funcións de vixilancia.

O tribunal establecerá os mecanismos precisos para que as persoas aspirantes poidan obter copia da súa folla de respostas con posterioridade á realización do exercicio. Así mesmo, as respostas que o tribunal xulgue como correctas publicaranse na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade).

Publicadas consonte o anterior as relacións de respostas correctas, as persoas interesadas disporán do prazo de tres días hábiles para presentaren ante o/a secretario/a do tribunal as impugnacións que coiden procedentes; no caso de non presentalas directamente ante o/a secretario/a, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal, dirixida ao/a secretario/a do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e, acto seguido, corrixirá os exercicios de acordo con ela. Durante a corrección o presidente adoptará as medidas oportunas para garantir o anonimato das persoas aspirantes durante todo o proceso.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de persoas aspirantes aptas e non aptas, serán expostas na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade). Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar ao/a secretario/a do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante o/a secretario/a do tribunal deberán adiantárselle a este/a, dentro do referido prazo de cinco días, mediante a remisión de copia delas ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal.

Revisados os exercicios, o tribunal adoptará o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.

9. Estrutura e cualificación dos exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento, serán os establecidos na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, pola que se regulan estas probas.

Os exercicios constarán de dúas partes:

– Exercicio tipo test, onde se deberán contestar 100 preguntas, cada unha delas con catro respostas alternativas.

– Exercicio práctico, que consistirá en resolver seis supostos que requiran a aplicación das materias do programa a casos concretos; este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

En todo caso, a normativa a que se refire o contido do programa será a vixente o último día do prazo de inscrición para cada unha das probas.

O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de dúas horas para o test e outras dúas horas para o exercicio práctico, que se poderán desenvolver en unidade de acto ou por separado.

Os exercicios cualificaranse de cero a dez puntos, consonte as seguintes regras de valoración:

– No exercicio tipo test, cada resposta correcta valorarase con 0,04 puntos e cada resposta incorrecta restará 0,02 puntos; as preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

– No exercicio práctico, cada un dos seis supostos valorarase entre 0 e 1 punto. As respostas incorrectas, non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

Para aprobar o exame, será preciso obter unha puntuación non inferior a 2 na primeira parte nin a 3 na segunda, e que a suma das puntuacións obtidas en ambas sexa igual ou superior a 6.

10. Tribunal.

a) O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

– Presidente:

Antón García Río.

– Presidentes suplentes:

Marta Vázquez Sanjurjo.

Juan Alberto Vidal Herrador.

– Vogais:

Juan Alberto Vidal Herrador.

Eduardo Suárez Campo.

María Inmaculada Carril Barco.

– Vogais suplentes:

Elena Prado Veiga.

Tamara Subiela Gómez.

Águeda Silva Seoane.

Marta Figueiras García.

– Secretaria:

María Carmen Arnoso Calvo.

– Secretaria suplente:

Marta Figueiras García.

b) O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do presidente.

O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de medios para a realización dos exercicios.

O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios se corrixan a través de medios automatizados, utilizando para iso os impresos adecuados.

Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.

11. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. Expedición dos certificados.

Concluída a cualificación das probas, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a relación definitiva de persoas aprobadas, para os efectos de expedir os certificados de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

13. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da dirección xeral (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade), sección de formación.

b) Os teléfonos 881 99 50 53 e 981 54 43 75 da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.gal.

14. Recursos.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte o previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file